A Xunta mellora a mobilidade peonil na estrada OU-105 na Ponte Noalla, no concello de San Cibrao das Viñas

Os traballos, que supoñen investimento autonómico de máis de 48.000 euros, comezarán nas vindeiras semanas cun prazo de execución de 3 meses

Trátase de habilitar un itinerario peonil na marxe esquerda do camiño Reboredo e da construción dunha beirarrúa entre os puntos quilométricos 4+250 e 4+455

A senda peonil, de 100 metros de lonxitude, discorrerá pola marxe esquerda da estrada autonómica ata conectar co itinerario existente da rúa estrada do Cumial

A zona de beirarrúas terá unha anchura de 2 metros axustable ás particularidades da zona e terá en conta o acceso ás vivendas, ás parcelas e ás naves industriais
 

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou as obras de mellora da mobilidade peonil na estrada autonómica OU-105 na Ponte Noalla, no concello de San Cibrao das Viñas.

Os traballos, adxudicados á empresa Construcciones Orega, S.L. por máis de 48.000 euros, comezarán nas vindeiras semanas e desenvolveranse nun prazo de 3 meses.

Mediante este contrato, o departamento que dirixe Ethel Vázquez acometerá dúas actuacións para a mellora da mobilidade nesta contorna, que comprenden a execución dun itinerario peonil na marxe esquerda do camiño Reboredo, no lugar da Ponte Noalla, así como a construción dunha beirarrúa entre os puntos quilométricos 4+250 e 4+455.

A senda peonil construirase pola marxe esquerda do camiño Reboredo, xunto o punto quilométrico 5 da estrada OU-105, e acadará unha lonxitude de 100 metros, ata conectar coa senda existente da rúa estrada do Cumial. A nova senda terá unha anchura libre de 3,50 metros con bordo a nivel e executarase en pavimento de formigón.

A beirarrúa executarase na marxe esquerda da estrada, con anchura de 2 metros axustable segundo as particularidades da zona, o que permitirá distinguir tres tramos de actuación nas obras.

No primeiro tramo, entre os puntos quilométricos 4+370 e 4+455 proxéctase unha beirarrúa de formigón con bordo elevada e con rebaixes nas zonas de acceso ás vivendas lindeiras

As actuación no segundo tramo, entre os puntos quilométricos 4+280 e 4+370, ademais de ter en os rebaixes da beirarrúa para o acceso ás parcelas e naves industriais, inclúen a execución baixo o tramo dun colector de diámetro 400 mm. Neste treito executarase, ademais, un muro de pequenas dimensións.

Entre os puntos 4+260 e ata o 4+285 rebáixase a totalidade da beirarrúa en formigón na cota de entrada dos accesos ás vivendas. Neste tramo a beirarrúa conta cun desnivel respecto á cota da estrada, polo que se disporá tamén dun muro de formigón armado sobresaíndo uns 15 centímetros sobre a cota da plataforma da estrada.