O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias interveu nunhas xornadas organizadas por Vegalsa-Eroski centradas no ámbito social

A Xunta destaca que a canle Mercaproximidade continúa activa e segue incorporando novos produtos agroalimentarios aos establecementos das dez cadeas de distribución adheridas

José Balseiros lembrou que máis de 450 industrias e produtores galegos se incorporaron a esta rede creada ao comezo da pandemia da covid-19 para proporcionar alternativas de comercialización ante as restricións sanitarias

Ao abeiro da iniciativa, o Goberno galego doou produtos como patacas, queixos, mel, carne de Ternera Gallega, de porco celta ou de cordeiro a diversas entidades sociais e hospitais da comunidade

Ao tempo, desenvolveu diversas campañas en redes sociais para impulsar a compra de produtos locais de calidade, así como o seu emprego para a elaboración de receitas gastronómicas

A maiores, a Xunta mantén activa -ata o vindeiro 31 de outubro- a campaña “Come local”, que persegue fomentar o consumo dos produtos agroalimentarios galegos con selo de calidade nos comedores escolares

A Coruña, 26 de maio de 2021

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, destacou que a canle Mercaproximidade continúa activa e segue incorporando novos produtos aos establecementos das dez cadeas de distribución adheridas a esta rede creada ao comezo da pandemia da covid-19 para proporcionar alternativas de comercialización ante as restricións sanitarias. Nesa liña, lembrou que máis de 450 industrias e produtores galegos se incorporaron á iniciativa para dar saída ás súas producións, que non só se distribuíron nos supermercados de grupos como Vegalsa-Eroski senón que tamén foron adquiridas pola Xunta con fins sociais.

Así o destacou José Balseiros na súa intervención nunhas xornadas organizadas polo grupo Vegalsa-Eroski baixo o lema “Diversxs. O resto é igual”, nas que participan representantes de diferentes entidades e organizacións do ámbito social e ás que tamén acudiu o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos. Nesa dirección, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias lembrou que a Xunta doou diversos produtos como patacas, queixos, mel, carne de Ternera Gallega, de porco celta ou de cordeiro a bancos de alimentos ou cociñas económicas, para atender os colectivos máis desfavorecidos durante o estado de alarma. Un exemplo -dixo- foron os máis de 7.700 menús solidarios de Nadal entregados a persoas vulnerables, nunha iniciativa de colaboración entre o Goberno galego e o Parlamento autonómico. Así mesmo, cedéronse alimentos aos hospitais da comunidade, para que puidesen confeccionar os seus menús con producións de proximidade e de calidade diferenciada.

O director xeral tamén se referiu ás campañas levadas a cabo nas redes sociais baixo os cancelos #EuVoudeSuperfeirón e #FeirónNaCasa, para impulsar a compra de produtos locais de calidade, así como o seu emprego para a elaboración de receitas gastronómicas

Así mesmo, aludiu á campaña “Come Local” nos comedores escolares, co fin de promover o consumo dos produtos agroalimentarios galegos con indicativo de calidade nestes espazos educativos. En concreto, recordou que ata o vindeiro 31 de outubro se impartirá formación e asesoramento aos responsables dos comedores adheridos a este programa. Neste senso, non só de trata de degustacións de menús especiais feitos con produtos de proximidade galegos senón que tamén se están a desenvolver actividades formativas, tanto sobre as características nutricionais dos propios produtos como sobre o impacto que supón o consumo de produtos certificados na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU.

Imaxes relacionadas