A Xunta comunica a aprobación das bases da reestruturación parcelaria de Oleiros, no concello pontevedrés de Silleda

Este paso implica que están rematados os trámites relativos á identificación dos propietarios, á determinación exacta da superficie e á clasificación das terras

Este proceso de reorganización territorial afecta a 256 hectáreas que están distribuídas en 1.705 parcelas, propiedade de 192 veciños

Nestes momentos está finalizada a redacción do proxecto de camiños principais da zona cun orzamento previsto próximo aos 1,5 millóns de euros, nos que se proxecta a execución de 11,4 quilómetros de camiños
 

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2021

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio da Consellería do Medio Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, polo que se comunica a aprobación das bases da reestruturación parcelaria da zona de Oleiros, no concello pontevedrés de Silleda. Deste xeito, ponse en coñecemento dos interesados este paso que implica que xa están rematados os trámites relativos á identificación dos propietarios, á determinación exacta da superficie e á clasificación das terras.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpor recurso de alzada, ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural, dentro do prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da recepción da notificación persoal ou da publicación substitutiva.

Este paso pode darse xa grazas á Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga) que reduce os trámites das reestruturacións parcelarias, neste caso, o das bases provisionais, pasando directamente á aprobación de bases.

Este proceso de reorganización territorial afecta a 256 hectáreas que están distribuídas en 1.705 parcelas, propiedade de 192 veciños. Grazas a esta reestruturación do territorio, tratarase de diminuír o número de leiras por propietario para que estas teñan unha dimensión maior.

Cómpre engadir que nestes momentos está finalizada a redacción do proxecto de camiños principais da zona cun orzamento previsto próximo aos 1,5 millóns de euros, nos que se proxecta a execución de 11,4 quilómetros de camiños dos que 3,9 km son de nova apertura e 7,5 km de acondicionamento e mellora de camiños existentes.

Enlace á publicación no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210526/AnuncioG0426-070521-0003_gl.html