A Xunta tramita a inscrición de varios montes dos concellos ourensáns da Arnoia e Leiro no rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas

En concreto, inscribiranse 38,1 hectáreas no municipio da Arnoia e outras 50,93 ha na localidade de Leiro

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe os anuncios da Consellería do Medio Rural polos que se someten a información pública estes procedementos de inscrición

Os interesados en presentar alegacións teñen de prazo dous meses dende o día seguinte á data de publicación

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe dous anuncios da Consellería do Medio Rural polos que se someten a información pública os procedementos de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas de varios montes da comarca do Ribeiro. Por unha banda, dos montes de utilidade pública Serra da Peneda, San Miguel, Novelle e Carixa, de titularidade do concello ourensán da Arnoia. Por outra, dos montes Costa, Xirimelos, Val Escuro, Coto do Santo e Amidonda, de titularidade da comunidade de montes veciñais en man común (Cmvmc) de Valboa e O Casar, no municipio de Leiro.

No caso da Arnoia, inscribiranse un total de 38,1 hectáreas compostas principalmente por carballos (Quercus robur). No que respecta a Leiro, inscribiranse 50,93 hectáreas compostas principalmente por carballos (Quercus robur), touzas (Quercus pyrenaica) e bidueiros (Betula sp).

A partir de mañá, do día seguinte ao da publicación dos anuncios no DOG, calquera persoa física ou xurídica poderá examinar no Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Medio Rural en Ourense os documentos correspondentes a estes expedientes de inscrición, podendo presentar as alegacións que estimen oportunas nun prazo de dous meses, que computarán a partir de mañá.

Cabe sinalar que a Consellería do Medio Rural está a tramitar actualmente un total de 32 expedientes de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, que supoñen en conxunto máis de 2.000 hectáreas de terreo. Destes expedientes, seis corresponden á provincia da Coruña, oito á de Lugo, nove á de Ourense e nove á de Pontevedra.

Ademais, na actualidade xa existen 19 masas inscritas no rexistro: dúas na provincia da Coruña, oito en Lugo, catro en Ourense e cinco en Pontevedra, cunha superficie total de 1.590 ha.

En Galicia existe, de acordo co 4º Inventario Forestal Nacional, unha superficie de masas de frondosas autóctonas dunhas 415.000 hectáreas, dominadas principalmente polo carballo, cerquiño, castiñeiro e bidueiro, xa sexa en forma de masas dunha soa especie ou en mesturas íntimas de dúas ou máis especies. Estas masas conforman a paisaxe característica de Galicia e teñen un alto interese para a conservación de especies e hábitats, así como unha gran capacidade de xerar recursos de alto valor para a sociedade.

Tendo en conta toda esta riqueza, e en desenvolvemento da Lei de Montes, a Xunta publicou o Decreto que regula o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas. Nel inscríbense aquelas cunha superficie mínima de monte de 15 hectáreas que poden estar constituídas por tres coutos redondos, sempre que cada unha delas teña un mínimo de 3,75 hectáreas (25% da superficie mínima) e unha idade media de 20 anos.

O rexistro pretende favorecer a xestión forestal activa das masas inscritas, para o que o Decreto que o regula establece unha serie de medidas, como son a prioridade na concesión de axudas públicas, a divulgación dos seus valores e das utilidades directas destas masas de frondosas ou mesmo o fomento do desenvolvemento de vantaxes fiscais para os seus titulares.

Enlace aos anuncio no DOG:

A Arnoia:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210526/AnuncioG0426-070521-0002_gl.html

Leiro:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210526/AnuncioG0426-070521-0006_gl.html

Departamento:
C. do Medio Rural