O conselleiro do Medio Rural desprazouse esta tarde á nave de Jamones Otero, afectada por un lume o pasado sábado

A Xunta amosa ao seu apoio á empresa de embutidos de Vilalba afectada por un incendio esta fin de semana

José González puxo de relevo o dispositivo despregado para atallar o lume dende o primeiro momento, co obxectivo de minimizar os danos para que a empresa poida retomar a actividade o máis axiña posible

Recalcou que un grupo de apoio loxístico da Axencia Galega de Emerxencias apoiou a actuación na que interviñeron bombeiros, axentes da Garda Civil e da Policía Local, Protección Civil de Vilalba e autoridades medioambientais

Dende Medio Rural, interviñeron catro motobombas, tres brigadas e dous axentes de distintos puntos da provincia dependentes do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia

O conselleiro fixo fincapé en que o Goberno galego porá a disposición da empresa préstamos con condicións vantaxosas para que poida volver á normalidade

Vilalba (Lugo), 25 de maio de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, desprazouse esta tarde á nave de embutidos de Vilalba afectada por un incendio o pasado sábado para trasladarlles o seu apoio tanto aos propietarios como aos traballadores da empresa. Destacando o dispositivo despregado para atallar o lume, sinalou que o obxectivo dende o primeiro momento foi minimizar os danos para que o negocio poida retomar a actividade o máis axiña posible.

En canto aos medios que interviñeron, o conselleiro apuntou que persoal do Grupo de Apoio Loxístico (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) -dependente da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo- colaborou no apoio á actuación coordinada co xefe de intervención dos Bombeiros de Vilalba, xunto con bombeiros de Lugo, Barreiros e Eume, unha motobomba municipal, axentes da Garda Civil e da Policía Local e voluntarios e efectivos de Protección Civil de Vilalba. Tamén colaboraron autoridades medioambientais como a propia Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Augas de Galicia -dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade- e a Confederación Hidrográfico Miño-Sil.

Por parte da Consellería do Medio Rural, José González resaltou que actuaron catro motobombas, tres brigadas e dous axentes do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais (SPIF). Amosando o seu agradecemento a todos os efectivos mobilizados, quixo recalcar así que o SPIF non só está para loitar contra os lumes nos montes galegos, senón tamén para apoiar as tarefas de extinción no ámbito rural en circunstancias coma a acontecida en Vilalba.

Por último, o conselleiro do Medio Rural trasladou todo o apoio do Goberno galego para que a empresa retome a actividade canto antes. Nesa liña, e como -segundo recalcou- xa ocorreu no pasado ante feitos similares, a Xunta porá a disposición de Jamones Otero préstamos con condicións vantaxosas para que poida ir volvendo pouco a pouco á normalidade.

Imaxes relacionadas