A Xunta moderniza o CEIP do Foxo coa renovación da cuberta e a conversión da antiga casa do conserxe en aulas para incrementar o espazo educativo

O delegado territorial, Luis López, e o alcalde da Estrada, José López, supervisan esta dobre actuación, que supuxo un investimento de case 210.000€

O cambio do teito permitiu mudar os materiais deteriorados, en chapa e tella, por panel de dobre chapa cun elementos de illamento para protexer todo o edificio

“Estamos a responder axilmente ás necesidades dos centros para resolver os seus desperfectos por antigüidade e para convertelos en espazos versátiles e seguros desde o punto de vista sanitario”, di o representante autonómico
 

A Estrada, 25 de maio de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vén de rematar coas obras de modernización e mellora do CEIP do Foxo, no Concello da Estrada, consistentes na renovación da cuberta e a conversión da antiga casa do conserxe en aulas para gañar espazo educativo grazas a un investimento de case 210.000 euros.

Por este motivo, o delegado territorial, Luis López, acompañado polo alcalde da Estrada, José López, e polo xefe territorial de Educación, César Pérez, realizou unha visita de supervisión a esta dobre actuación.

“Estamos a responder axilmente ás necesidades dos centros educativos da provincia para, por unha banda, substituír os seus elementos deteriorados pola antigüidade e, por outro lado, convertelos en espazos multifuncionais, versátiles, ventilados e seguros dende o punto de vista sanitario aplicando os criterios do Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, co que investiremos 191 millóns de euros nesta lexislatura”, explicou o representante autonómico, que lembrou que hai un mes anunciouse, ao abeiro do mesmo, a inminente rehabilitación integral do CEIP de Figueroa, tamén na Estrada, por case 900.000 euros.

En canto á actuación realizada no colexio do Foxo, consistiu no cambio de toda a cuberta, que xa cumprira a súa vida útil con 43 anos de antigüidade e que estaba elaborada en tella e chapa. As obras permitiron retirar todos estes materiais e instalar un panel nervado de dobre chapa lacado en vermello con dotación de illamento recheo a base de escuma de poliuretano. Ademais, favoreceuse a homoxeneización do teito cun único material común a todos os volumes da edificación.

Deste xeito, e tamén grazas ao recambio de canalóns e baixantes, garántese a conservación óptima e a protección do resto da edificación educativa, conformada por un inmoble rectangular de dúas prantas, e increméntase a confortabilidade e as condicións térmicas internas para a comunidade escolar.

Por outra banda, esta obra de modernización do CEIP do Foxo complementouse coa rehabilitación completa da antiga vivenda do conserxe e a conversión de toda a súa superficie en aulas para uso lectivo co obxectivo de gañar espazo educativo e favorecer a dispersión do alumnado no marco das medidas de adaptación ao protocolo de prevención da covid-19.
 

Imaxes relacionadas