A Xunta ofrece a súa máxima colaboración para a creación dunha Zona Franca en Ferrol

Así o trasladou na segunda rolda de contactos que continuará esta tarde cos encontros cos sindicatos e o tecido empresarial da comarca para seguir avanzando no contido definitivo do Pacto de Estado por Ferrol

Conde lembra que Galicia e Ferrolterra agardan unha resposta áxil por parte do Goberno en forma de investimentos

O documento base recolle a proposta de facer desta comarca un polo enerxético a través da produción de biocombustibles e o impulso do gas natural licuado e o hidróxeno verde; así como co avance no desenvolvemento dunha eólica mariña compatible coas actividades marítimo-pesqueiras
 

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta tarde unha reunión cos alcaldes de Ferrolterra dentro da rolda de contactos que terá continuidade hoxe mesmo cos sindicatos e o tecido empresarial desta comarca para avanzar no contido definitivo do Pacto de Estado por Ferrol.

No encontro, o vicepresidente económico destacou que Galicia e, particularmente Ferrol, agarda unha resposta áxil e o máis rápida posible por parte do Goberno, logo de que o pasado 14 de maio se lle enviara a proposta inicial. Unha resposta que, segundo Conde, debe vir en forma de investimentos e con novas propostas que se sumen ao pacto.

Conde avanzou, ademais, que a Xunta ofrece a súa máxima colaboración para a creación dunha Zona Franca en Ferrol que implicaría a inclusión do porto na Rede Transeuropea de Transportes. Unha proposta que se suma ao obxectivo de facer da comarca un polo enerxético que deberá encontrar acomodo no reparto dos fondos europeos Next Generation e no que se inclúa a produción de biocombustibles na central térmica das Pontes; a consolidación do gas natural licuado (GNL) en Ferrolterra; a xeración de hidróxeno verde ou o desenvolvemento da eólica mariña a través dun Hub de eólica offshore no que se recolla a consolidación desta enerxía renovable no ámbito industrial e o impulso necesario para levar adiante proxectos de xeración. Unha aposta pola eólica mariña que deberá garantir a súa compatibilidade coas actividades marítimo-pesqueiras.

En definitiva, búscase que esta zona se beneficie dun compromiso compartido por todas as administracións para dar unha nova vida ao seu tecido produtivo. Neste obxectivo, os fondos europeos Next Generation son unha oportunidade para mobilizar investimentos e que Ferrolterra se beneficie da transformación dixital e a transición ecolóxica xusta.

Por iso, o vicepresidente económico volveu facer unha chamada á unidade, ao consenso e á implicación de todos os actores para dar unha resposta que permita ás comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal saír máis fortalecidas desta crise.

O obxectivo é consensuar unha folla de ruta que permita reactivar industrialmente esta zona que perdeu un terzo dos seus habitantes nos últimos 40 anos, que conta coa taxa de paro máis alta de Galicia e cuxa actividade industrial está ameazada. Para conseguilo, propóñense medidas ao redor de oito obxectivos concretos: a recuperación empresarial e laboral; o reforzo das empresas tractoras da comarca; a modernización e mellora competitiva dos sectores tradicionais; a diversificación; o desenvolvemento das cadeas de valor; a xeración de innovación e coñecemento; a mellora da competitividade territorial e a consolidación dos servizos.

Estas medidas, xunto coas que se incorporen definitivamente, contribuirán a dar a esta comarca unha resposta institucional conxunta adaptada ás necesidades concretas dos concellos, cidadanía, empresas e autónomos.
 

Imaxes relacionadas