A Xunta anima aos sectores comercial e artesanal a solicitar as axudas para a dixitalización

O delegado territorial da Xunta en Ourense informou da nova orde de axudas para a dixitalización e a modernización do sector comercial e artesanal galego, cuxo prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 4 de xuño

Gabriel Alén, na visita a empresa Deinde Sport, instou a comerciantes e artesáns a que soliciten este tipo de axudas que cobren ata o 80% do importe
 

Ourense, 25 de maio de 2021

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esa mañá en San Cristovo de Cea un dos establecementos beneficiados da orde de axudas para a dixitalización e a modernización do sector comercial e artesanal galego na edición do ano pasado con 24.700 euros.

Na empresa de desenvolvemento e innovación deportiva Deinde Sport, e acompañado do alcalde, José Luís Valladares, Gabriel Alén, informou que o prazo de presentación de solicitudes para esta liña de axudas de 2021 estará aberto ata o vindeiro 4 de xuño.

A convocatoria, de concorrencia competitiva, conta este ano cun orzamento de 5M€ e diríxese ao comercio polo miúdo e aos obradoiros artesanais. As axudas cobren ata o 80% e existe a posibilidade de acceder a anticipos de ata o 50% do importe da axuda.

Por unha parte, contempla unha liña de dixitalización comercial que inclúe axudas para impulsar a transformación dixital –con apoios para páxinas web con venda en liña ou melloras e actualizacións–; optimizar e axilizar os procesos comerciais –con sistemas integrados para a planificación e xestión de recursos empresariais comerciais ou tablets asociadas coa actuación de ferramentas de xestión–; realizar actuacións de comunicación, publicidade e márketing en internet; actuacións de comercialización dixital como a participación en eventos efémeros ou feiras dixitais; e tamén para apoiar a loxística e-commerce ou e-commerce sostible.

Por outra parte, apoiaranse actuacións de adquisición de equipamentos propias da actividade comercial e artesanal con axudas de ata 8000 euros.

Todas estas medidas súmanse a outras actuacións que tamén están en marcha, como o Renove Electrodomésticos, a través do que se investirán 3M€ para que 20.000 fogares renoven os seus electrodomésticos; o Bono Enerxía Peme e Comercio, que cun investimento de 3M€ apoiará tanto a mellora como a renovación de sistemas eléctricos, iluminación ou climatización para incrementar a eficiencia enerxética de 1000 pequenas e medianas empresas e establecementos comerciais en Galicia; ou o Bono Activa Comercio, deseñado en colaboración coa Federación Galega de Comercio, conta cun orzamento de 10M€ que se reparten en bonos de desconto de 30 euros, dos que se poderán beneficiar ao redor de 330.000 clientes. Preténdese mobilizar 55M€ para dinamizar as vendas nos establecementos de proximidade de toda Galicia e contribuír, deste xeito, á súa reactivación.
 

Imaxes relacionadas