O contrato da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ensaia con novos métodos para estradas con valado e limitación de accesos, co obxectivo de evitar a sinistralidade por irrupción de fauna na calzada

A Xunta recibe 7 ofertas para a instalación dun novo modelo piloto de cerramento de seguridade na autovía AG-64 en Narón e na VAP Lugo-Monforte para evitar o acceso dos animais

As obras, licitadas por máis de 425.000 euros, contan cun prazo de 4 meses

Actuarase nun tramo de algo máis de 2 km da AG-64, na zona de Sedes, e outro tanto na CG-2.2 no municipio do Corgo

Instalarase un novo peche de seguridade de malla de 1,50m de altura sobre o terreo para a retención de animais domésticos e fauna salvaxe e adaptarase ao chan cunha tensión do valado superior aos 1.000 quilos para a contención dos xabarís

Nos ramais onde queda interrompido o valado de malla, colocaranse pasos canadenses e redutores de velocidade para alertar aos condutores

Tamén se prevé a instalación de ramplas de escape no cerramento para posibilitar a saída dos animais das estradas no caso de que consigan acceder ás mesmas

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de recibir un total de 7 ofertas para executar as obras de instalación dun novo modelo piloto de cerramento de seguridade na AG-64 en Narón e na vía de altas Prestacións VAP CG-2.2, Lugo-Monforte, para evitar o accedo dos animais.

O contrato, licitado por máis de 425.000 euros, conta cun prazo de execución de 4 meses.

Mediante este contrato, o departamento que dirixe Ethel Vázquez trata de introducir novos métodos para estradas con valado e limitación de accesos, autoestradas, autovías e vías de alta capacidade; co obxectivo de evitar a sinistralidade debida por irrupción de fauna na calzada, especialmente os xabarís, que son os que provocan a maior parte dos accidentes.

Máis en detalle, o ensaio propón intervencións en dúas áreas concretas destas dúas estradas autonómicas. Na autovía AG-64, actuarase na zona de Sedes, no municipio de Narón, desde o punto quilométrico 4+800 ata o 6+850. E na VAP Lugo-Monforte, os traballos realizaranse no tramo que vai do punto quilométrico 9 ao 11, ao seu paso polo municipio do Corgo.

As obras consistirán na substitución do cerramento existente por un peche de seguridade de 150 centímetros de altura libre sobre o terreo, para a contención de animais domésticos e fauna salvaxe como os corzos, moi abundantes nestas zonas. Ademais, procederase á adaptación do chan cunha tensión de valla superior aos 1.000 quilos de arrastre para a contención dos xabarís.

Nos ramais de enlace -onde se interrompe o valado de malla- colocaranse os chamados pasos canadenses, que consisten nunha abertura transversal na estrada cuberta por unha reixa metálica que os animais recean de atravesar por temor a pisar nun chan no que perciben profundidade. Con antelación a estes pasos antifauna incorporaranse redutores de velocidade e bandas transversais de alerta para a seguridade do tráfico.

Tamén, e coa fin de facilitar a saída dos animais que consigan entrar na plataforma, instalaranse varios sistemas de escape, como ramplas consistentes en puntos de acumulación de materiais nas marxes pola parte interior da calzada ata alcanzar a altura da malla, para que poidan ascender e saltar cara ao exterior.