As obras de conversión en autovía da vía Nadela-Sarria obrigan a realizar cortes puntuais de tráfico tres días á semana

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que se viñan producindo os martes e xoves e agora se amplían tamén ao mércores, en todos os casos entre as 13.00 e as 15.00 horas

A Xunta avanza na execución do desdobramento da vía de altas prestacións no treito entre A Pobra de San Xiao e Sarria Centro, que supón un investimento de case 25 millóns de euros
 

Sarria (Lugo), 25 de maio de 2021

As obras de conversión en autovía da vía de altas prestacións Nadela-Sarria, no treito entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro, obrigan a realizar dende hoxe cortes puntuais tres días á semana para garantir a seguridade dos traballos de voaduras.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que os cortes víñanse producindo dende o mes de marzo -cando comezaron estes labores- os martes e xoves non festivos entre as 13.00 e as 15.00 horas e entre os enlace do quilómetro 13 (O Páramo, A Pobra de San Xiao) e o do quilómetro 22 (Sarria norte, Morelle).

Durante aproximadamente tres meses será preciso pechar ao tráfico tamén os mércores non festivos no mesmo horario, neste caso entre o enlace do quilómetro 22 e o do quilómetro 26 (Sarria Sur, Albán). O desvío estará debidamente sinalizado e o traxecto alternativo realizarase pola estrada LU-546.

Estes traballos enmárcanse nas obras da primeira fase da conversión en autovía da vía de altas prestación Nadela-Sarria, cun investimento da Xunta de case 25 millóns de euros e un prazo de execución de 24 meses.

Estase a construír unha nova calzada paralela á existente, pola marxe esquerda sentido A Pobra de San Xiao, pasando dunha calzada con dous carrís actuais a dúas calzadas con dous carrís por sentido.

A intervención incluirá tamén a adaptación dos enlaces e dos pasos inferiores existentes, así como a reposición dos camiños de servizo afectados. Ademais, contará con valla reforzada en ambos lados para reducir a accidentalidade causada polo xabaril.