A conselleira de Política Social participou por videoconferencia no Consello Territorial de Servizos Sociais

Fabiola García insta o Goberno central a concretar cando enviará os fondos para poder ofrecer unha atención axeitada aos menores non acompañados de Ceuta

Confirma que Galicia “é unha comunidade solidaria” e que aceptará os 20 menores asignados polo Goberno

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, quen participou esta mañá nunha reunión do Consello Territorial de Servizos Sociais, instou o Goberno central a concretar cando enviará os fondos ás comunidades autónomas para poder ofrecer unha atención axeitada aos menores non acompañados que recibirán da Cidade Autónoma de Ceuta.

A conselleira confirmou, tal e como se adiantou a semana pasada, que Galicia “é unha comunidade solidaria” e aceptará os 20 menores que o Executivo central lle asignou. Porén, mostrou a súa preocupación por atendelos “coa máxima dignidade”, polo que solicitou á ministra de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Ione Belarra, que comunique ás comunidades autónomas os prazos de chegada tanto dos menores non acompañados como da achega necesaria para garantir a súa atención, aloxamento e tutela.

Fabiola García cuestionou a “improvisada” xestión da crise que fixo o Goberno central, así como o criterio empregado para a distribución dos menores non acompañados. Ademais, a titular de Política Social pediu garantías de que se habilitan mecanismos consensuados e duradeiros, tanto a nivel social como fronteirizo e de política exterior, para que esta situación non se volva repetir.

Imaxes relacionadas