Feijóo destaca o patrocinio do Xacobeo aos deportistas galegos, que levarán a marca Galicia e os valores do Ano Santo por todo o mundo

Precisa que o acordo abrangue equipos de alta competición e a promoción de eventos e campionatos de ámbito internacional neste 2021 e no 2022

Resalta a importancia do deporte feminino, reflectida no feito de que dos 1.617 equipos patrocinados desde 2009-2010 ata o de agora, o 48% están formados por mulleres

Subliña a implicación dos deportistas e dos clubes, un traballo que se complementa co esforzo da Xunta, que ten incrementado este ano case un 30% o orzamento dos convenios coas federacións
 

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o patrocinio do Xacobeo aos deportistas galegos, que levarán a Marca Galicia e os valores do Ano Santo -esforzo, compañeirismo e tolerancia- por todo o mundo. “Hoxe Turismo de Galicia e a Secretaria xeral para o Deporte únense para mandar a mensaxe de que Galicia está orgullosa do deporte galego e de que leve o Xacobeo por todo o mundo, alí onde compita”, abundou.

Durante o acto de sinatura do acordo que, cunha achega de 2,5 millóns de euros, abrangue equipos de alta competición e a promoción de eventos e campionatos de ámbito internacional neste 2021 e no 2022, Feijóo afirmou que a Xunta seguirá comprometida para achegar o deporte a todos os cidadáns, desde a base ata a alta competición.

Así mesmo, resaltou a importancia do deporte feminino, reflectida no feito de que dos 1.617 equipos patrocinados desde 2009-2010 ata o de agora, o 48% están formados por mulleres.

Durante a súa intervención, o presidente do Executivo autonómico garantiu ademais a promoción do deporte con infraestruturas axeitadas, un compromiso que fai posible, por exemplo, que deportistas como a skater Julia Benedetti poida estar en Xapón, con apenas 17 anos.

Feijóo concluíu subliñando a implicación dos deportistas e dos clubes, un traballo que se complementa co esforzo da Administración autonómica que ten incrementado este ano case un 30% o orzamento dos convenios coas federacións. “Para a Xunta o deporte é investimento”, dixo, en relación ao estudo do Sergas sobre a valoración da incidencia da covid-19 na poboación que practica deportes.

Nesta liña, tivo tamén palabras de recoñecemento para “a madriña do deporte galego”, Teresa Portela, quen agradeceu o apoio da Administración autonómica ao deporte galego en xeral, reflectido nos 238 equipos patrocinados polo Plan da Fundación Deporte Galego.

Pola súa parte, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, fixo fincapé na importancia de contar cos deportistas e clubes como aliados na promoción do Xacobeo 21-22, do Camiño de Santiago e de Galicia como destino seguro e de calidade.

Rueda resaltou que o Camiño de Santiago ofrece o que tanto están a demandar os turistas: actividade deportiva segura ao aire libre e espazos abertos en contacto coa natureza, ademais dun turismo tranquilo e non masificado.
 

Imaxes relacionadas