Emigración coñece "Kalewa", o proxecto empresarial apoiado pola Xunta dunha galega retornada que diseñou un aparato de pilates único en Europa

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, destacou que continúa aberto o novo programa de axudas para emprendedores retornados cun orzamento de 800.000 euros

Nestes dous meses xa se presentaron 120 solicitudes nas dúas liñas coas que conta este ano, unha para a promoción do autoemprego e outra destinada a compensar as perdas provocadas pola redución da actividade económica das persoas traballadoras autónomas a causa da pandemia

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2021

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, coñeceu hoxe, na explanada da Cidade da Cultura, o proxecto dunha emprendedora retornada de Arxentina que puxo en marcha en 2020 unha iniciativa de deseño e comercialización on line dun aparato único en Europa para realizar actividades orientais a través da liña de axudas ao emprendemento deste departamento autonómico.

Karina Alejandra Lomba e a súa filla, Lara Castro Lomba, retornaron de Arxentina a terra natal dos avós da primeira, que eran oriundos de Lugo. Decidiron asentarse en Ames e dende alí poñer en marcha un proxecto relacionado coa súa especialidade, a práctica deportiva. Así naceu “Kalewa”, un aparato destinado a práctica deportiva de actividades coma o ioga, o pilates ou o tai chi. Para a posta en marcha deste negocio contou o ano pasado cunha axuda da Secretaría Xeral da Emigración de 8.000 euros, a través da liña de axudas a emprendedores retornados.

O secretario xeral da Emigración destacou a importancia do pulo empresarial dos galegos retornados, “que apostan por poñer en marcha novas empresas, moitos deles no rural, e xerando postos de traballo”.

Neste senso, Rodríguez Miranda aproveitou o encontro para recordar que continúa aberto o novo programa de axudas que conta en 2021 cun orzamento de 800.000 euros. O pasado ano, beneficiáronse da mesma 94 emprendedores retornados. “Nos dous meses que levamos coa nova subvención aberta xa contamos con 120 solicitudes das dúas liñas coas que conta o programa este ano, unha cifra que demostra o interese polo emprendemento de aqueles que desexan volver a Galicia”, engadiu o secretario xeral.

E é que este programa de axudas ao emprendemento dos retornados conta este ano cunha liña especial a causa da covid-19, “xa que somos conscientes das dificultades que supón emprender e máis nun tempo tan complexo como o que estamos a vivir coa actual pandemia”.

Deste xeito, o programa conta con dúas liñas de axuda para persoas emigrantes galegas retornadas que exerzan a súa actividade laboral ou profesional na nosa comunidade autónoma, unha que promova o autoemprego co obxectivo de fomentar o establecemento como persoas autónomas ou por conta propia, e outra, relativa á covid-19, destinada a compensar as perdas provocadas pola redución da actividade económica das persoas traballadoras autónomas ou por conta propia no contexto actual de pandemia. O prazo de presentación remata o 30 de setembro.

As axudas son de 5.000 euros no caso da primeira liña (aumentables en 1.000 se a beneficiaria é muller e outros 2.000 se se pon en marcha nun concello rural) e de 3.000 no caso da segunda liña.

Esta liña de subvencións ten como fin favorecer o retorno a nosa comunidade autónoma dos galegos residentes no exterior de xeito que poidan fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia.

Trátase dunha das máis de 50 medidas incluídas na Estratexia Galicia Retorna, de carácter transversal e coordinado pola Secretaría Xeral da Emigración coa colaboración de todos os departamentos da Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas