O conselleiro do Medio Rural compareceu no Parlamento, a petición propia, para explicar a postura da nosa comunidade nas negociacións sobre a futura PAC

A Xunta reclama consenso político sobre a futura PAC do mesmo xeito que xa existe esa sintonía co sector galego e coas comunidades cantábricas

Galicia defende un modelo de axudas directas que dea prioridade ás pequenas e medianas explotacións profesionais e que atenda á realidade do Norte de España

A nosa comunidade demanda ademais, desde a lealdade ao Goberno Central, unha maior transparencia por parte do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Mapa) á hora de explicar as súas propostas sobre a PAC

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, fixo hoxe unha nova chamada ao consenso político en relación coas negociacións para a aplicación da futura PAC. Nunha comparecencia parlamentaria, a petición propia, para explicar a posición da nosa comunidade neste asunto, o conselleiro lembrou que xa existe unha postura común acordada coas organizacións profesionais agrarias e as cooperativas galegas, así como coas demais comunidades da Cornixa Cantábrica (Asturias, Cantabria e País Vasco).

De xeito resumido, Galicia defende un modelo de axudas directas que dea prioridade ás pequenas e medianas explotacións profesionais e que atenda á realidade do Norte de España. A nosa comunidade demanda ademais, desde a lealdade ao Goberno Central, unha maior transparencia por parte do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Mapa) á hora de explicar as súas propostas sobre a PAC.

Nesta liña, o conselleiro pediu ao Ministerio que difunda o mapa completo das rexións que se propoñen na aplicación da futura PAC a nivel español. José González considerou “imprescindible” coñecer este mapa, así como os datos para cada rexión, tanto de número de dereitos, hectáreas elixibles e importe asignado, como da distribución dos dereitos segundo a súa contía inicial en 2023.

Ademais, o conselleiro tamén reclamou que se trasladen, por parte do Mapa, as cifras relativas a número de agricultores xenuínos de cada rexión PAC, as hectáreas potenciais sen dereitos, a dimensión media das explotacións a efecto de pago redistributivo e a metodoloxía para a aplicación da converxencia intrarrexional.

Toda esta información, puntualizou o conselleiro, é necesaria para poder avaliar, por parte galega, o deseño da futura PAC en eidos coma o pago redistributivo, no que Galicia considera que debe haber un maior pago ás primeiras hectáreas, para beneficiar ás pequenas explotacións e a aqueles agricultores cunha dependencia significativa dos ingresos agrarios, dando prioridade sobre todo aos profesionais.

Postura da Cornixa Cantábrica

Neste sentido, José González lembrou que precisamente a defensa das pequenas explotacións, de carácter profesional, pero eminentemente familiares, é unha das claves da postura conxunta de Galicia co resto de comunidade das Cornixa Cantábrica (Asturias, Cantabria e País Vasco). O conselleiro puxo en valor este acordo, así como, a nivel galego, o acadado coas organizacións profesionais agrarias e as cooperativas. Lembrou, neste contexto, que as catro autonomías avogan porque se teñan en conta as características particulares e específicas das súas explotacións tipo, tanto no deseño como na aplicación da futura PAC.

Ao tempo, desde a Cornixa Cantábrica amósase preocupación pola “orientación mediterránea” que está seguindo o Ministerio respecto da futura PAC, en particular en aspectos como os ecoesquemas. Así, demándase a inclusión de novos ecoesquemas adicionais aos propostos polo Ministerio máis acaídos para a España húmida, e tamén que se introduzan, de xeito transversal, un complemento vinculado á prevención de incendios, a extensión do complemento previsto para as superficies en Rede Natura ás zonas con limitacións naturais ou unha modulación da axuda por estratos de tamaños, entre outras correccións.

Outro aspecto no que se fai fincapé, por parte de Galicia e o resto de comunidades cantábricas, é a necesidade de que se contemple un trato equitativo na definición das superficies con dereito ao cobro da PAC, cara o futuro período de aplicación destas políticas. Así, advírtese que ata o de agora non se tiña proposto ampliar esta superficie no conxunto do territorio nacional a novos cultivos, cousa que si está enriba da mesa agora mesmo. Deste xeito, ampliaríase a cultivos de viñedos, froitos e hortalizas que se localizan fundamentalmente no sueste español. Para Galicia, segundo sinalou o conselleiro, esta cuestión supón “un agravio intolerable”, na medida en que a nosa é a comunidade que menos superficie admisible para cobro da PAC ten entre as principais rexións agrarias de España.

Agricultor xenuíno

Nesta liña, no que atinxe á definición de agricultor xenuíno, Galicia defende que as axudas vaian a aqueles cunha dependencia significativa dos seus ingresos agrarios, sen introducir ningunha excepción. A maiores, no que ten que ver coas axudas directas, José González explicou que para a Xunta é prioritario que se manteñan para os sectores de vacún de leite, de carne e ovino-cabrún, cunha dotación cando menos semellante ao período 2014-2020.

Sobre a limitación das axudas por explotación, o conselleiro insistiu en demandar que se manteña a contía de 60.000 euros como tope anual por explotación e puxo de manifesto que só 74 explotacións galegas superan esta cifra, dos preto de 26.000 perceptores galegos da PAC.

Imaxes relacionadas