A Xunta concede case 100.000€ ao concello de Moraña para a mellora dos parques empresariais de Afieiras e Mirallos coa renovación e ampliación de beirarrúas

O delegado territorial, Luis López, anuncia esta axuda para a remodelación de nove treitos, que roldan os 700 metros de lonxitude, nunha visita aos dous polígonos xunto ao alcalde, José Cela

“Os dous parques son fundamentais na socieconomía de Moraña, xa que acollen a centos de traballadores e importantes empresas, polo que dende a Xunta queremos colaborar para que estean nas mellores condicións”, explicou
 

Moraña, 25 de maio de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, vén de conceder dúas axudas, por importe de case 100.000 euros, ao Concello de Moraña para a modernización dos polígonos industriais de Afieiras e Mirallos ao abeiro da orde de mellora e habilitación de infraestruturas dos parques empresariais correspondente ao presente ano 2021.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou da aprobación destas partidas, que se destinarán principalmente á renovación e ampliación das beirarrúas destes espazos, nunha dobre visita realizada a ambos complexos industriais na compaña do alcalde de Moraña, José Cela.

No polígono de Mirallos realizarase a maior actuación, cun investimento de 74.000 euros dos que case 60.000 están financiados pola Xunta, coa renovación das beirarrúas que se atopan en mal estado e a extensión de treitos incompletos. En total, este parque de 11 hectáreas disporá de 467 metros de remozadas beirarrúas cunha superficie renovada de case 1.000 m2.

Pola súa banda, no complexo de Afieiras procederase á mellora de zonas de paso peonil das súas vías interiores que están en malas condicións e que suman 229 metros de lonxitude e 557 m2 cun orzamento de 43.000 euros que ten unha achega de case 35.000 euros da Vicepresidencia segunda.

En total, vaise actuar, grazas ao financiamento do Goberno galego, en nove treitos de ambos recintos empresariais que teñen case 700 metros de lonxitude e unha superficie de máis de 1.500 m2, “o que repercutirá positivamente na seguridade peonil, a confortabilidade e a imaxe de ambos polígonos e dará continuidade a outras actuacións, como a dotación de firme ás calzadas, realizadas en anos anteriores”, segundo explicou o representante autonómico.

“Estes dous parques empresariais son fundamentais na socioeconomía do municipio de Moraña, xa que acollen a centos de traballadores e importantes empresas, algunhas delas líderes internacionais do seu sector ou referentes en exportación, polo que dende a Xunta queremos colaborar para seguir coa modernización destes importantes puntos industriais e para que estean nas mellores condicións”, explicou Luis López, que detallou que esta dobre actuación será unha realidade en pouco tempo, xa que estará rematada o vindeiro mes de outubro.

Finalmente, o delegado territorial destacou o “gran compromiso do Concello de Moraña coa xeración de riqueza e emprego e co asentamento e crecemento empresarial” e exemplificouno na súa integración na iniciativa autonómica Concellos Emprendedores para ofrecer unha baixa fiscalidade e outras vantaxes aos proxectos empresariais.
 

Imaxes relacionadas