O Centro Dramático Galego e a Companhia de Teatro de Braga estrearán ‘A contenda do río Miño’ no Festival de Almagro

A posta en escena da primeira peza teatral conservada en lingua galega enmárcase no 350º aniversario do texto, escrito por Gabriel Feixoo de Araúxo en 1671

Lisboa acolleu hoxe a presentación do Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro 2021, do que Portugal é o país convidado

Inclúese na programación da unidade teatral da Xunta, que inclúe o espectáculos ‘O Charco de Ulises’ e ‘Terceiro Acto’, xa estreados, e ‘Serva me, servabo te’

Lisboa, 25 de maio de 2021

O Centro Dramático Galego (CDG), unidade de produción teatral da Xunta de Galicia, estreará o 2 de xullo no Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca do río Miño, coproducida coa Companhia de Teatro de Braga.

Así se anunciou hoxe no acto de presentación do festival, desenvolvido en Lisboa ao ser Portugal o país convidado nesta edición, e no que participou o director do CDG, Fran Núñez. O evento estivo presidido pola ministra de Cultura do país luso, Graça Fonseca.

A contenda do río Miño baséase na escrita de Gabriel Feixoo de Araúxo en 1671, que representa a primeira peza teatral en lingua galega conservada. A súa posta en escena enmárcase na conmemoración do 350º aniversario do entremés, así como nas designacións de Portugal como país convidado do festival de Almagro e de Braga como Capital Cultural do Eixo Atlántico. Tras a estrea en Almagro, está previsto desenvolver funcións en Cangas, dentro da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo, e en Braga, no Festival Mimarte.

A través desta coprodución, o Centro Dramático Galego e a Companhia de Teatro de Braga afondan na temática das fronteiras a partir da que marca o río Miño entre Galicia e Portugal, unha das máis antigas de Europa e que representa máis un punto de encontro que de separación. O espectáculo desenvólvese nas tres linguas presentes na copia da peza teatral conservada, escrita en lingua galega, con fragmentos en portugués e anotacións en castelán.

Reforzo da identidade común

Dirixida por Fran Núñez co apoio dramatúrxico do director da Companhia de Teatro de Braga, Rui Madeira, a obra lévase á escena da man dos equipos técnicos das unidades de produción galega e portuguesa nesta unión de esforzos a prol dun proxecto que busca reforzar a identidade común.

O elenco está formado principalmente por intérpretes da Companhia de Teatro de Braga, con Yeliz Balim, Rogério Boane, Sílvia Brito, Carlos Feio, Eduarda Filipa, António Jorge, Grasiela Müller, Aisa Pérez e Solange Sá, xunto a Fran Núñez.

A peza fala dun tempo e un lugar concreto, pero a súa esencia é universal e percorre a historia, as fronteiras, a loita polos recursos e de clases. Hai disputa polo dereito a pescar, peixes que non entenden de fronteiras e quen intenta levar o que non lle corresponde. Hai mortos, choros, festa, baile e irmandade. Hai fronteiras... ou non.

A contenda do río Miño forma parte da programación do Centro Dramático Galego para esta temporada, no que a unidade de produción teatral da Xunta presentou ademais outros tres espectáculos, O charco de Ulises e Terceiro acto, xa estreados, e Serva me, servabo te, que o fará en setembro. A eles súmanse sete coproducións e outras iniciativas a prol da dinamización do sector teatral galego, como o programa de Residencias cruzadas ou a Bolsa de dramaturxia e creación.

Imaxes relacionadas