Sanidade reúnese cos colexios profesionais de médicos de Galicia para abordar o futuro da atención primaria

Ambas partes coinciden na necesidade de implementar unha transformación continua neste nivel asistencial

O conselleiro de Sanidade expón os tres documentos que guían a estratexia da Xunta no que atinxe a Primaria, e o traballo do Consello técnico de atención Primaria

Na reunión tamén se trataron outros temas, como a recente Lei de Eutanasia ou a incorporación da nova Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria
 

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantivo este sábado unha reunión cos presidentes dos catro colexios médicos galegos, para abordar o futuro da atención Primaria na nosa comunidade.

Durante a xuntanza, na que tamén participaron o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores, e o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, tratáronse polo miúdo as necesidades e as inquedanzas que presentan os diferentes eidos do sistema sanitario galego, sendo protagonista a atención Primaria.

Neste senso, os representantes colexiais das catro provincias galegas trasladáronlle ás autoridades sanitarias un documento con varios puntos suxeridos desde as vogalías de atención Primaria. Moitos destes apuntamentos, xa están a ser traballados polos representantes da administración galega na actualidade.

O conselleiro de Sanidade remarcou o grande traballo que están a realizar os profesionais que, dentro do Consello técnico de atención Primaria, están a desenvolver, en 15 comisións específicas, os seus correspondentes informes de conclusións. Este Consello técnico xa leva realizadas tres reunións durante o ano 2021, dando continuidade ao cronograma de reunións definido para acadar os seus obxectivos nos próximos meses.

No transcurso da reunión, púxose en valor o “Plan galego de Atención Primaria”, a folla de ruta deseñada para este nivel asistencial no ano 2019, e que mantén a súa vixencia na actualidade. Así, nestes intres xa se cumpriron a práctica totalidade dos obxectivos que tiña definidos a curto prazo, e continúa a bo ritmo o desenvolvemento dos fixados a medio e longo prazo.

Así mesmo, ambas partes amosaron o seu acordo, en liñas xerais, sobre o documento “Por unha Primaria vertebradora do sistema de saúde”.

Respecto deste texto, tamén publicado no ano 2019, e en cuxa elaboración participaron maioritariamente profesionais das diferentes áreas sanitarias, os participantes tamén manifestaron o seu acordo sobre a necesidade de que atención Primaria goce dun papel vertebrador dentro do sistema galego de saúde.

O terceiro documento analizado, foi presentado no pasado mes de abril, e que aborda o “Plan local de saúde, bases metodolóxicas para a súa elaboración”.

Os representantes da Consellería e dos Colexios Profesionais de Médicos acordaron a necesidade dunha transformación continua de atención Primaria, un asunto, sobre o que os representantes colexiais recoñeceron o camiño iniciado por parte da administración, ao tempo que avogaron pola súa continuidade.

Presentación doutras novidades no sistema sanitario

O máximo responsable da Sanidade galega presentou tamén durante esta xuntanza o traballo que se está facer á hora de garantir o acceso telefónico aos centros de saúde, ao artellarse un sistema que permite a estes centros o recoñecemento das chamadas, para así, de selo caso, poder devolver a devandita chamada nun curto período de tempo.

García Comesaña destacou que se está a traballar cos equipos directivos, e máis concretamente cos directores de atención Primaria, en varios puntos que optimizarán o funcionamento deste nivel asistencial. Entre outros: o establecemento dun sistema de clasificación da demanda adaptado a cada centro; o deseño de novas axendas que permitan unha mellor atención ao paciente, con máis calidade e eficiencia, ademais de maior satisfacción para os profesionais; ou desenvolvemento de novas actividades por parte da totalidade de profesionais dos centros de saúde, e de acordo ao importante papel dos xefes de servizo e os coordinadores de enfermería na xestión dos centros de saúde.

Por último, a reunión tamén serviu para traer ao primeiro plano outros temas relevantes dentro do ámbito sanitario, como son a recente Lei da Eutanasia, ou presentar o cambio de organigrama da Consellería de Sanidade, coa incorporación dunha nova Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, que terá entre os seus principais e inmediatos obxectivos a transformación de atención primaria.
 

Imaxes relacionadas