O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria participou esta mañá no comité de expertos do proxecto europeo IN-4-AHA

Antón Acevedo salienta a importancia da tecnoloxía na busca de solucións sinxelas e asumibles para o envellemento activo e saudable

Destacou a necesidade dunha reorientación das prestacións dos servizos cara ás necesidades das persoas, xa que Galicia conta cunha das poboacións máis envellecidas de España

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2021

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, salientou hoxe a importancia da innovación tecnolóxica na busca de solucións sinxelas e cun custe asumible para o envellecemento activo e saudable, “sobre todo nunha comunidade como a nosa, na que o envellecemento e a dispersión supoñen un hándicap para o desenvolvemento duns servizos equitativos e accesibles a todos aqueles que o precisan”. O responsable do departamento autonómico participou esta mañá no comité de expertos do Proxecto europeo In-4-AHA, que ten como obxectivo principal mellorar o envellecemento activo e saudable a través de propostas como as casas intelixentes para que as persoas maiores ou con enfermidades crónicas podan levar unha vida independente con máis calidade.

Antón Acevedo, quen lembrou que Galicia conta cunha das poboacións máis envellecidas de España na que “a esperanza de vida media atópase na contorna dos 84 anos”, insistiu na necesidade de reorientar as prestacións dos servizos cara ás necesidades das persoas. Así, a innovación sociosanitaria, apuntou, pode aplicarse a tres grandes áreas do sector: a referido ao individuo e ao proceso de envellecemento activo e saudable, aos modelos asistenciais e residenciais e á innovación tecnolóxica, que “xa non é unha opción: é unha necesidade e unha gran oportunidade”

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria incidiu, así mesmo, no compromiso adquirido pola Consellería de Política Social de fomentar un envellecemento activo e saudable da poboación galega como un dos grandes eixos sobre os que vai a pivotar a xestión nos próximos anos. Neste senso, Antón Acevedo destacou algunhas das propostas que están a poñerse en marcha, como a Estratexia Galega de Atención á Soidade non Desexada, o novo modelo de asistencia sociosanitaria e de residencias, ou os plans de apoio en impulso ás persoas en situación de dependencia.

Coordinación sanitaria

Para rematar, o responsable de Atención Integral Sociosanitaria puxo en valor a importancia da innovación no sector sociosanitario en Galicia, e destacou que a coordinación sanitaria, aposta polas potencialidades da tecnoloxía, xa que “vivimos nun mundo dixital conectado e a súa accesibilidade e desenvolvemento impregna todo, incluída a atención sociosanitaria”.

Imaxes relacionadas