A Xunta organiza en Taboada a vindeira semana un simulacro de incendio forestal para ultimar a preparación do dispositivo de emerxencias

O delegado territorial, Javier Arias, participou hoxe na reunión previa de coordinación con representantes das distintas administracións e dos corpos e forzas de seguridade

Lugo, 24 de maio de 2021.- A Xunta de Galicia está a organizar un simulacro de incendio forestal de situación 2 que terá lugar na parroquia taboadesa de Bouzoa o vindeiro día 3 de xuño. Hoxe celebrouse na Delegación Territorial de Lugo unha reunión previa de coordinación con representantes de todas as administracións e das forzas e corpos de seguridade implicados.

O delegado territorial, Javier Arias, sinalou que o obxectivo é “ultimar a preparación do dispositivo de emerxencias, e comprobar que a coordinación é plena e que se optimizan os medios materiais e humanos na loita contra o lume”.

A xuntanza reuniu a máis dunha vintena de persoas que durante o simulacro coordinarán a arredor dun centenar nas distintas tarefas de intervención, apoio loxístico, seguridade e sanitarias atendendo ás ordes do Posto de Mando Avanzado que se establecerá preto do lugar elixido.

Por parte da Xunta participaron o propio delegado, os responsables das xefaturas territoriais de Presidencia e Medio Rural, Gerardo Criado e Olga Iglesias respectivamente, e membros dos servizos de Emerxencias e de Prevencion de Incendios Forestais. Tamén asistiron o alcalde de Taboada, Ramiro Moure, representantes da Subdelegación do Goberno, da Garda Civil, Policía Autonómica, GES de Monterroso, Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, Fundación 061, Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Chantada e Taboada e da Federación Lucense de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil.
 

Imaxes relacionadas