Alfonso Rueda lembra que Galicia está preparada para acoller aos peregrinos neste Xacobeo 21-22 nun destino e nuns Camiños seguros

O vicepresidente primeiro da Xunta percorreu hoxe co triatleta Javier Gómez Noya e unha vintena de afeccionados, onde estaba tamén Oscar Pereiro, o tramo do Camiño de Santiago entre Arzúa e a catedral compostelá

Alfonso Rueda destacou a importancia de que referentes do mundo do deporte se impliquen na promoción do Camiño, porque son os mellores embaixadores da marca Galicia

A Xunta mantén o seu compromiso coa promoción das rutas xacobeas e levou a cabo actuacións de melloras nos trazados e os albergues para ofrecer a mellor imaxe de Galicia a turistas e peregrinos neste Ano Santo Dobre

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2020

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, percorreu esta mañá en bicicleta xunto co triatleta Javier Gómez Noya, e unha vintena de afeccionados, onde estaba tamén Oscar Pereiro, o tramo do Camiño de Santiago desde Ribadiso, en Arzúa, ata a catedral compostelá.

Lembrou que Galicia está preparada para recibir aos peregrinos este Xacobeo 21-22 nuns Camiños totalmentes seguros, xa que como reivindicou estes días na Feira Internacional de Turismo (Fitur) en Madrid, a comunidade galega é un destino seguro grazas a tódalas medidas nas que a Xunta vén traballando desde o inicio da pandemia para recuperar a confianza dos viaxeiros.

Antes de comezar o percorrido, no que tamén participou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, Alfonso Rueda agradeceu a Gómez Noya a súa implicación na promoción do Camiño de Santiago e destacou a importancia de que referentes do mundo do deporte se sumen e se convertan nos mellores embaixadores da marca Galicia. De feito, Gómez Noya protagoniza o vídeo A chamada do Camiño Inglés, promovido pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, e que tamén se presentou en Fitur, para dar a coñecer as paisaxes, o patrimonio e a gastronomía desta ruta.

A Xunta mantén o compromiso co fomento dos 10 trazados oficiais do Camiño de Santiago, e traballou no seu acondicionamento para que neste Ano Santo Dobre ofrecesen a súa mellor cara aos peregrinos. Tanto con melloras de conservación como de sinalización e mantemento. Ademais, a través do Plan de Albergues o Goberno galego investiu 7 millóns de euros na mellora dos albergues da rede pública e na súa ampliación coa creación de 8 novos, de xeito que neste Xacobeo 21-22 esta rede pasará a contar con 78 albergues.

Por outra parte, a Xunta no marco do Plan de Embelecemento dos Camiños destinou 1,2 millóns de euros aos concellos polos que pasan as rutas xacobeas e a particulares para levar a cabo accións de mellora paisaxística. Nesta liña, colabora co concello de Arzúa na mellora do núcleo de Ribadiso onde arrancou hoxe o percorrido, mediante un convenio que inclúe traballos de pavimentación e dotación de servizos e mobiliario urbano, aos que o Goberno galego dedica máis de 272.200 euros.

Alfonso Rueda e Gómez Noya fixeron unha parada do percorrido nun Monte do Gozo totalmente revitalizado tralas actuacións levadas a cabo, que supuxeron un investimento de 7,7 millóns de euros, e permitiron contar cun complexo de primeira categoría que se converterá en punto de encontro entre peregrinos e veciños na porta de entrada á cidade de Santiago.

O vicepresidente primeiro da Xunta incidiu en que para amosar Galicia como un destino de calidade e confiable, o Goberno galego puxo en marcha medidas como o seguro coronavirus, que conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros. Así, os viaxeiros que se acheguen á comunidade poderán sentirse seguros ao ter cubertos os seus gastos sanitarios, de aloxamento ou transporte ante un posible contaxio por covid-19 ou corentenas.

Ademais, para contribuír á recuperación do sector turístico, a Xunta ten en marcha iniciativas de fomento do consumo interno como a Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia, que tivo unha gran acollida ao esgotarse as tarxetas en só 12 horas, xunto coa reactivación do programa Elixe Galicia. Entre ambos programas, a Xunta prevé inxectar 10 millóns de euros no sector turístico para axudarlle na súa reactivación.

Imaxes relacionadas