O prazo de solicitude das axudas para a contratación de 700 persoas perceptoras da Risga continúa aberto ata o próximo xoves

Os apoios da Consellería de Emprego e Igualdade contan cun orzamento de 7,7 millóns de euros para impulsar o emprego local en 165 concellos ou agrupacións de municipios

O obxectivo da iniciativa é proporcionar aos beneficiarios a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral a través dun contrato de 9 meses de duración

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2021

Os concellos galegos poden solicitar ata o próximo xoves 27 de maio as axudas destinadas á contratación de 700 persoas perceptoras da Risga, unha iniciativa da Consellería de Emprego e Igualdade que conta cun orzamento de 7,7 millóns de euros para dar apoio a 165 concellos ou agrupacións de municipios.

O obxectivo desta iniciativa é proporcionar aos beneficiarios a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral a través dun contrato laboral que será subvencionable durante 9 meses. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a convocatoria destas axudas o pasado 27 de abril.

A actuación busca impulsar o emprego local e mellorar a empregabilidade das persoas participantes, así como apoiar a integración laboral de persoas vulnerables co obxectivo de dinamizar o mercado laboral galego.

A medida completa outras iniciativas que xa se activaron e que favorecen a contratación nos concellos galegos. É o caso dos obradoiros de emprego, no que se invisten 30,2M€ para permitir a formación e o acceso ao emprego de 1.500 persoas; as axudas para a contratación de 280 orientadores laborais, ás que se destinan 6,8M€; os Programas Integrados de Emprego, cun orzamento de 8,4M€ para apoiar a contratación de 3.300 persoas en concellos e entidades sen ánimo de lucro; as axudas do Aprol Rural para a contratación de 600 persoas desempregadas para a realización de tarefas relacionadas, maioritariamente, coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia; e os apoios para a contratación de 500 persoas sen emprego para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social como é a vixilancia das praias e espazos acuáticos.

Imaxes relacionadas