A Xunta levará a cabo máis de 1500 controis este ano no marco do Plan de inspección de seguridade industrial
A iniciativa estará composta por catro programas e 200 das inspeccións realizaranse de maneira presencial
O obxectivo é comprobar a adecuación da posta en funcionamento e condicións de servizo dos establecementos, instalacións, actividades e produtos respecto aos regulamentos e normativas de seguridade que deben cumprir
O Plan de Inspección de Seguridade Industrial 2021 da Xunta de Galicia recolle máis de 1500 controis, co obxectivo de comprobar a adecuación da posta en funcionamento e as condicións de servizo dos establecementos, instalacións, actividades e produtos respecto dun ou varios dos regulamentos de seguridade e normativas que lles sexan aplicables.
O Plan, posto en marcha desde a Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, estará composto por catro programas de inspección: instalacións sometidas a regulamentos de seguridade industrial; empresas instaladoras ou mantedoras no ámbito da seguridade industrial; accidentes graves; e vixilancia de mercado.
Con máis de 1200 inspeccións previstas, o primeiro programa é o que engloba a maior parte dos controis, que se levarán a cabo en instalacións eléctricas de baixa tensión e en instalacións térmicas en edificios (caldeiras de gasóleo), centros de transformación de particulares, construcións de almacenamento de produtos químicos, instalacións de seguridade contra incendios en establecementos industriais, ascensores e en estacións de servizo en réxime desatendido. Un total de 200 inspeccións deste programa e do correspondente ao sector de accidentes graves levaranse a cabo de maneira presencial.
No caso das empresas instaladoras ou mantedoras no ámbito da seguridade industrial
-segundo programa- levaranse a cabo 200 inspeccións e no plan de vixilancia do mercado un centenar.
As xefaturas territoriais da Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación farán a selección dos establecementos, instalacións e actividades que sexan obxecto de inspección. A vixencia do Plan comezará ao día seguinte da súa publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG) e estenderase ata o 31 de marzo de 2022.
PROGRAMAS | SECTORES | NÚMERO DE INSPECCIÓNS | |
1 | Instalacións sometidas a regulamentos de seguridade industrial | Instalacións eléctricas de baixa tensión | 500 |
Instalacións térmicas en edificios: caldeiras de gasóleo | 350 | ||
Centros de transformación particulares | 200 | ||
Instalacións de almacenamento de produtos químicos | 50 | ||
Instalacións de seguridade contra incendios en establecementos industriais | 50 | ||
Ascensores | 50 | ||
Estacións de servizo en réxime desatendido | * | ||
2 | Empresas instaladoras ou de mantemento no ámbito da seguridade industrial | Declaracións responsables de empresas instaladoras ou de mantemento no ámbito da seguridade industrial | 200 |
3 | Accidentes graves | Establecementos industriais afectados polo R.D. 840/2015, de 21 de setembro, no seu nivel superior e inferior | ** |
4 | Vixilancia de mercado | Formigóns fabricados en central | 100 |
* Todas as postas en servizo con anterioridade á data de entrada en vigor deste decreto
**Todos os afectados con anterioridade á data de entrada en vigor deste decreto