A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse esta semana con representantes da empresa pública Galaria, adscrita ao Sergas

Ángeles Vázquez salienta a importancia de intensificar as liñas de cooperación entre o seu departamento e a Consellería de Sanidade tendo en conta as distintas variables ambientais que inflúen na saúde e o benestar das persoas

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2021

A Xunta de Galicia analizará a posibilidade de impulsar novos proxectos de colaboración que teñan como fío condutor a busca de sinerxías entre os eidos da saúde, o medio ambiente e a sostibilidade.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse esta semana con representantes da empresa pública de servizos sanitarios Galaria, adscrita ao Servizo Galego de Saúde, un encontro durante o que coincidiron nas múltiples posibilidades que ofrecen ambos campos para traballar xuntos e desde unha perspectiva multidisciplinar.

Precisamente, Ángeles Vázquez considerou importante intensificar as liñas de colaboración entre o seu departamento e a Consellería de Sanidade, sobre todo tendo en conta as múltiples variables ambientais e naturais que teñen unha influencia directa sobre a saúde dos galegos.

A este respecto, cómpre lembrar que os dous departamentos autonómicos xa colaboran desde hai tempo en cuestións relacionadas, por exemplo, con eventuais vagas de calor e o intercambio de información durante estes episodios a través de MeteoGalicia, ou coa xestión dos residuos sanitarios que xera o sistema de saúde pública, por medio de Sogama.

Pola súa banda, as responsables de Galaria trasladáronlle á conselleira que nestes momentos están a traballar en varias iniciativas de calado enmarcadas na New European Bauhaus, unha corrente que promove un tipo de arquitectura construtiva baseada na busca de tres premisas: a beleza estética, a inclusión social e a sostibilidade. Neste sentido, a conselleira tamén se amosou interesada en explorar as posibilidades de que o seu departamento se poida implicar nalgún destes proxectos.

Imaxes relacionadas