Máis de 175.000 persoas beneficiáronse xa en Galicia das actuacións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo 2014-2020

O 71% das persoas beneficiadas son mulleres

Desde o inicio do programa aprobáronse 164 operacións por importe de 450 millóns de euros en todos os eixes de actuación

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2021

Un total de 175.305 persoas beneficiáronse xa en Galicia das actuacións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa Operativo FSE 2014-2020. Delas, 124.711 son mulleres, o que supón o 71% das persoas beneficiadas. Estas actuacións teñen como obxectivo apoiar o emprego e a formación, e loitar contra a pobreza e a discriminación.

Desde o inicio do período de programación, aprobáronse 164 operacións por importe de 450 millóns de euros en todos os eixes de actuación. No eixe 1 centrado na formación e o emprego de calidade, destacan os programas de incentivos á promoción do emprego autónomo, o programa Emega para o fomento do emprendemento feminino; ou as axudas ás entidades locais para a promoción da conciliación. Ademais, debido á situación de pandemia promoveuse o apoio á teleformación de persoas ocupadas en sectores estratéxicos ou as axudas á contratación de técnicos por parte de organismos empresariais.

No eixe 2 de promoción da inclusión social e a loita contra a pobreza e calquera forma de discriminación, reforzouse o apoio a entidades de iniciativa social e corporacións locais para actuacións de inclusión social ou a formación ocupacional de menores. Destacan tamén o programa de recursos para mulleres en situación de especial vulnerabilidade, as subvencións para a atención integral de persoas en situación de explotación sexual ou o plan especial de reforzo de persoal técnico para a valoración da discapacidade.

No referido ao investimento para conseguir unha educación de calidade (eixe 3), seguiron desenvolvéndose no curso 2019-2020 programas como o de mellora da aprendizaxe e do rendemento (PMAR), os ciclos medios de Formación Profesional en 73 centros educativos, ou as axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades galegas.

Comité de seguimento

Todos estes datos presentáronse no Comité de seguimento do Programa Operativo FSE 2014-2020 correspondente ao pasado exercicio, que se celebrou a semana pasada de xeito telemático.

Por parte da Xunta de Galicia presidiu a reunión, o director xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, David Cabañó; ademais, contou con representantes da Comisión Europea e da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Economía Social. Interviñeron igualmente representantes das organizacións económicas e sociais con máis representatividade en Galicia. “O FSE inviste no teu futuro”.

Imaxes relacionadas