A Xunta enxalza o papel decisivo das mulleres emprendedoras para revitalizar o rural nunha nova sesión de 'Xacobeo Peregrinas' en Xunqueira de Ambía

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron na 3ª sesión multidisciplinar do ciclo ‘Xacobeo Peregrinas’ na Colexiata de Xunqueira de Ambía (Ourense)

A astrofísica e enxeñeira de sistemas na NASA, Begoña Vila; a artesá zoqueira, Elena Ferro; a enóloga, Iria Otero; e a actriz, Nerea Barros, participaron na xornada conducida pola xornalista María Solar

López Abella destacou o potencial e empoderamento das mulleres rurais e o peso do tecido asociativo nestas contornas

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, subliñou as oportunidades que brindan os recursos no rural para artellar proxectos de vida de mulleres, ao acubillo do Camiño de Santiago, “vertebrador do territorio”

Xunqueira de Ambía (Ourense), 22 de maio de 2021

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron hoxe no III Encontro Xacobeo Peregrinas, na Colexiata de Xunqueira de Ambía, en Ourense. O acto contou coa participación no coloquio como invitadas da astrofísica da NASA, Begoña Vila; a zoqueira, Elena Ferro; a enóloga, Iria Otero; e a actriz e produtora, Nerea Barros.

A titular de Igualdade, López Abella, resaltou o importante rol do tecido asociativo para empoderar ás mulleres rurais, “para formalas e animalas a saír do seu entorno”. A secretaria xeral fixo especial fincapé no labor da Federación de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro) que o pasado 8 de marzo recibiu a medalla Emilia Pardo Bazán polo seu traballo a prol da muller rural.

“Son necesarias as mulleres referentes tanto para a sociedade en xeral como para a mocidade en particular”, incidiu López Abella, quen lembrou os programas cos que a Xunta traballa nos centros escolares para que os estudantes recoñezan referentes nas súas contornas. Tamén fixo referencia a Sementes para Igualdade, que pon o foco nas emprendedoras do rural, das que destacou o seu “potencial e empoderamento ante a sociedade”.

A directora de Turismo de Galicia destacou, pola súa banda, o papel que desenvolve o Camiño de Santiago na vertebración do noso territorio, impulsando un desenvolvemento socioeconómico especialmente importante en áreas rurais que, doutro xeito, correrían o risco de esmorecer.

Neste sentido, destacou especialmente o peso da muller rural como emprendedora e como pedra angular de moitos proxectos que se foron asentando no territorio nos últimos anos permitindo darlle unha nova vida e oportunidades a estas áreas, “mulleres emprendedoras, valentes, que souberon ver as oportunidades que nos brindan os nosos recursos para artellar o seu proxecto de vida”. Exemplos precisamente que se recollen nestas conversas de Xacobeo Peregrinas nas que se aborda o Camiño desde outras perspectivas.

O de hoxe foi o terceiro encontro do ciclo Xacobeo Peregrinas, enmarcado na programación do Xacobeo 2021-2022, que se estreou o pasado 13 de marzo en Santiago e inclúe dez sesións, con periodicidade mensual, abertas ao público. Cada unha das accións está dedicada a unha ruta xacobea distinta, co obxecto de por en valor a singularidade do seu percorrido e as experiencias das peregrinas.

O programa pretende xerar espazos de reflexión que fomenten o intercambio de experiencias arredor da peregrinación e o Camiño de Santiago coa muller como protagonista. Para facelo, a Xunta conta en cada sesión con profesionais de distintas disciplinas e procedencias. Relatan a súa vinculación co Camiño de Santiago, contando en cada proposta un nexo de unión con el: un libro, unha historia, unha experiencia persoal...

A localidade ourensá de Xunqueira de Ambía foi o lugar elixido para este terceiro encontro pola súa relevancia histórica como punto de encontro do camiño da Vía da Prata, o de maior percorrido das rutas xacobeas, chegando a contar no século XVI cun hospital con capacidade para atender a cen peregrinos.