Arranca a primeira convocatoria de probas Celga 2021 na que se examinarán preto de 3.000 persoas

O IES Antonio Fraguas de Santiago e a Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada acollen durante esta fin de semana as probas do Celga 4 nas que se examinarán entre o sábado e o domingo 1027 das persoas inscritas neste nivel

Os exames continuarán a fin de semana que vén coas terceira xornada de probas do Celga 4 e coa do Celga 2 e prolongaranse dúas fins de semana máis ata desenvolver as dos Celga 3 e 1
 

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2021

A Xunta de Galicia inicia desde esta fin de semana a primeira convocatoria de probas Celga do ano 2021, na que está previsto que se examinen un total de 2766 persoas. Os exames arrancan hoxe coas probas do Celga 4 no IES compostelán Antonio Fraguas e na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada, sedes oficiais nas que están convocadas durante o sábado e o domingo 1027 persoas das 1596 inscritas neste nivel, as correspondentes ás letras que van da Y á O segundo a inicial do seu apelido. As 569 restantes, que van das letras P á X, acreditarán o seu coñecemento de galego no Celga 4 o sábado que vén, 29 de maio, de acordo coa repartición requirida polas medidas de seguridade sanitaria e os protocolos que rexen a covid-19.

As probas do Celga 2 desenvolveranse o domingo 30 de maio, con 381 persoas matriculadas (326 en Santiago e 55 en Ponferrada); a seguinte fin de semana, a do 5 e 6 de xuño, será a quenda do Celga 3 (con 658 persoas inscritas en dúas xornadas de exames) e as probas correspondentes ao Celga 1 concluirán o sábado 12 de xuño, a primeira convocatoria de 2021 con 131 persoas inscritas en Santiago, única sede oficial deste nivel.

Toda a información, indicación de portas de entrada asignadas en cada centro de exame e aulas está dispoñible no Portal da Lingua Galega, onde tamén se actualizarán a media mañá durante os propios días dos exames as quendas das probas orais e os horarios nos que deben presentarse as persoas convocadas.

Baixo estrito protocolo de seguridade sanitaria

Os exames levaranse a cabo baixo o protocolo de seguridade sanitaria, co fin de protexer a saúde propia e a das demais persoas, polo que as persoas participantes deberán respectar as medidas. A Secretaría Xeral de Política Lingüística recorda que quen presente síntomas compatibles coa covid-19, fose diagnosticado como persoa portadora do virus ou estea en illamento ou corentena por contacto estreito con outra que presente síntomas ou que fose diagnosticada positiva nos 14 días anteriores, non poderá acudir ao exame. Así mesmo, non se permitirá a entrada nas sedes de acompañantes ou persoas alleas ás probas, agás no caso daquelas inscritas que precisen asistencia.