A Xunta destaca en Fitur o enorme potencial da Ribeira Sacra á que sitúa como un referente do patrimonio e a natureza

Os conselleiros de Cultura, Educación e Universidade e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participaron na presentación de ‘Agora si, mereces un respiro’ organizada polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra

Román Rodríguez lembrou o compromiso do Goberno galego cun “dos rostros máis recoñecibles e de Galicia” que aspira a converterse Patrimonio Mundial

Ángeles Vázquez explicou que este territorio “de alto valor paisaxístico, cultural e etnográfico” ofrece ao visitante experiencias únicas
 

Madrid, 21 de maio de 2021

Os conselleiros de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañados pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron hoxe na presentación de Agora si, mereces un respiro organizada polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra no marco da celebración de Fitur 2021, onde aproveitaron para poñer en valor esta paisaxe á que coincidiron en situar como un referente do patrimonio e a natureza.

Así, o titular de Cultura, lembrou que a Ribeira Sacra “é un dos rostros máis recoñecibles e admirables de Galicia que destaca pola súa capacidade para conservar os seus valores excepcionais ao longo de máis de 1.500 anos de historia”. “Trátase dun espazo único que a ninguén lle sorprende que aspire a converterse en Patrimonio da Humanidade pola Unesco”, engadiu.

Román Rodríguez precisou, ademais, que a Ribeira Sacra é “un exemplo de planificación e xestión que conta co firme apoio da Xunta de Galicia para a conservación do seu patrimonio cultural e artístico”. Un compromiso, que tal e como explicou, se reflicte nos preto de 5M€ investidos para poñer en valor as igrexas e mosteiros deste territorio das provincias de Ourense e Lugo. “Contamos cunha ambiciosa folla de ruta para outorgarlle a esta paisaxe cultural a máxima protección cultural, natural e paisaxística co obxectivo de blindar os valores que a fan única”, puntualizou.

Reserva da Biosfera de Galicia

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliñou o enorme potencial de Galicia en canto a turismo sostible e de natureza, outro dos puntos fortes da Comunidade á hora de atraer visitantes. Neste sentido, resaltou o papel esencial que xogan as Reservas da Biosfera, espazos escollidos pola Unesco como exemplos de equilibrio entre o desenvolvemento económico e a protección da natureza e un fito internacional que aspira a lograr este ano a Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel.

Esta sería, explicou, a sétima Reserva da Biosfera de Galicia, un territorio que aglutina a 23 concellos de Lugo e Ourense, unidos por un alto valor paisaxístico, cultural e etnográfico e que ofrece ao visitante experiencias turísticas únicas para gozar dunha zona que, entre outras singularidades, é o máximo expoñente da chamada “viticultura heroica”, marcada polas condicións extremas do terreo e o cultivo manual das viñas en bancais centenarios que lle confiren, á vez, unha das súas características máis senlleiras e recoñecibles.
Por todos os valores que atesoura, a conselleira considerou que este espazo natural é un firme candidato a lograr a tripla coroa por parte da Unesco. Así, referiuse á proclamación hai dous anos do Xeoparque Montañas do Courel, o primeiro e único espazo galego con esta distinción, e avanzou que despois do verán se dará a coñecer o ditame definitivo sobre a candidatura da Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra.

Modelo turístico sustentable

Pola súa parte, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou a aposta da Xunta pola calidade e a sustentabilidade do modelo de turismo galego, que cobran unha especial importancia en territorios como o da Ribeira Sacra, un dos beneficiarios dos dous Plans de Sustentabilidade aprobados polo Estado o ano pasado, xunto co de Santiago de Compostela. Este plan supón un investimento por parte da Xunta de 850.000 euros co obxectivo de posibilitar o desenvolvemento turístico planificado, de calidade e sustentable, que implique á poboación e ao territorio na creación de novos produtos e na consolidación da Ribeira Sacra como destino turístico.

Nesta liña, para favorecer a reactivación do entorno e a súa promoción turística a Xunta apoia a candidatura de Ourense Termal da Deputación ourensá ao Plan de Sostibilidade Turística estatal deste ano, xunto co Plan da Mariña lucense e cun investimento de 1,3 millóns de euros previstos para cada un deles.

 

Imaxes relacionadas