A Xunta pon en valor o programa Mentoring dirixido á consolidación dos negocios das persoas traballadoras autónomas

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2021

A directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou hoxe nun webinario da Asociación Intersectorial e Interterritorial de Autónomos e Pequenas Empresas (APE Galicia) no que puxo en valor a segunda edición do programa de Mentoring da Fundación Ronsel, co que a Xunta colabora, e que está dirixido a que uns 200 profesionais autónomos de Galicia consoliden os seus negocios. A iniciativa este ano está orientada de xeito especial a reducir o impacto negativo da covid-19 nas empresas.

O programa, que conta co apoio do Goberno galego por valor de 250.000 euros, prevé chegar a 70 persoas traballadoras autónomas na provincia da Coruña, 70 en Pontevedra, 30 en Lugo e 30 en Ourense.

Mentoring, en palabras de Toca, ten o triplo obxectivo de reducir os riscos das persoas autónomas na súa actividade profesional, acompañalas na consolidación dos seus negocios e contribuír, mediante melloras nas áreas de xestión, ao incremento dos seus contactos e actividade económica. A iniciativa permite, en concreto, adaptar as ensinanzas a cada realidade, nun proceso baseado na confianza mutua entre o mentor, e o beneficiario, onde a experiencia do primeiro pode chegar a ser un factor diferencial para maximizar o rendemento do servizo que ofrece o segundo.

Imaxes relacionadas