O conselleiro do Medio Rural inaugurou na Escola Galega de Administración Pública unha xornada formativa sobre esta norma, que hoxe se publica no DOG

A Lei de recuperación da terra agraria facilitará superficie a quen a desexe traballar dando seguridade xurídica e rendibilidade a propietarios e interesados no seu aproveitamento

José González destacou que o fin que se persegue é poñer a producir as terras arestora abandonadas e infrautilizadas e aportarlle base territorial suficiente a aquelas explotacións existentes que a precisan

Trasladou que a lei promove a continuidade das explotacións e a boa xestión das terras que as conforman, o que permitirá anticiparse aos lumes, fomentar a recuperación demográfica e mellorar a calidade de vida da poboación

Puxo en valor o alto grao de consenso acadado na elaboración da lei e lembrou, neste sentido, que na súa tramitación incorporáronse case 300 emendas dos grupos parlamentarios

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, destacou as posibilidades que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que mañá entra en vigor, cara a facilitar superficie a quen a desexe traballar. O conselleiro, que inaugurou unha xornada monográfica sobre esta norma na Escola Galega de Administración Pública (Egap), lembrou que o texto legal -que hoxe publica o DOG- recolle o marco xeral para a xestión da terra agroforestal, a súa ordenación de usos e o fomento da súa recuperación. O fin que se persegue é poñer a producir as terras arestora abandonadas e infrautilizadas e aportarlle base territorial suficiente a aquelas explotacións existentes que a precisan. Así, definiu a norma como “unha caixa de ferramentas para tratar de acadar o obxectivo fundamental de poñer en valor a nosa terra”.

Ademais, José González salientou que a lei promove a continuidade das explotacións e a boa xestión das terras que as conforman. Todo isto fará posible anticiparse aos lumes forestais, traballar pola recuperación demográfica e polo asentamento no rural e mellorar a calidade de vida da poboación. O titular de Medio Rural sinalou que con esta norma contémplanse solucións á dispersión e ao pequeno tamaño das parcelas, que comporta dificultades técnicas para o cultivo mecanizado. Ademais, recordou que o enorme grao de descoñecemento da titularidade dos predios complica os procesos de mobilización, polo que a lei facilitará moito neste caso a súa xestión.

O conselleiro puxo en valor, ademais, o alto grao de consenso acadado na elaboración da lei e lembrou, neste sentido, que na súa tramitación incorporáronse case 300 emendas dos grupos parlamentarios. Así, definiu o texto legal como “de país, de Galicia”, moi específica da nosa terra. Engadiu que moi tamén “moi traballada” e agradeceu, nese sentido, as achegas no ámbito parlamentario, das organizacións profesionais agrarias, dos colexios profesionais e de todos os axentes implicados do sector primario.

O texto legal baséase -destacou González- na garantía plena nos procedementos, na seguridade xurídica nas relacións entre os diferentes axentes que actúan sobre o territorio e na voluntariedade na súa participación dentro dos diferentes mecanismos de mobilidade, “a clave é a voluntariedade que ten que traballar sempre nesta lei, que beneficie aos propietarios e aos destinatarios da terra”, dixo. Así, sinalou tamén que aportará un beneficio económico para o propietario das terras, mentres aquelas persoas que as queiran traballar contarán coa superficie suficiente para unha actividade económica rendible, sempre mantendo a titularidade dos predios.

O conselleiro trasladou tamén que outro dos grandes obxectivos da norma é facilitar a ampliación da base territorial das explotacións. Nesta liña, lembrou que na manifestación de interese promovida pola Consellería do Medio Rural “téñense presentado máis de mil proxectos, cunha clara demanda de base territorial dos tres usos, agrícola, gandeiro e forestal, uns usos que son perfectamente complementarios”, remarcou.

José González indicou que a situación de abandono da terra agraria e da súa gran parcelación en Galicia “require de instrumentos novos, máis alá das concentracións parcelarias”, pero advertiu que esteas “están facendo o seu traballo”, polo que reiterou que a Xunta seguirá decretándoas.

Instrumentos de ordenación

O conselleiro indicou tamén que esta normativa ordenará o uso das terras de carácter agroforestal. Realizarase a través da posta en marcha dun Mapa de usos agroforestais, que reflectirá o emprego das terras agroforestais e servirá de base para planificar as actuacións das administracións públicas na materia. En relación coa identificación e coa ordenación de usos, tamén prevé a creación dun Catálogo de solos agropecuarios e forestais, que tratará de facer unha planificación integral contemplando os usos agrícolas, gandeiros e forestais, “colocando cada cousa no seu sitio, na medida do posible”, sinalou José González.

Facendo fincapé na investigación da propiedade, esta lei será o instrumento que permita iniciar a actualización do Catastro, unha cuestión que compete integramente ao Ministerio de Hacienda. Tras ese proceso de revisión, a lei establece que a Xunta notificará os resultados ao citado Ministerio para que proceda á súa actualización, unha cuestión demandada reiteradamente pola cidadanía.

Neste sentido, o conselleiro trasladou que a lei lle atribúe á Xunta a facultade de investigación en parecelas vacantes que non teñen dono coñecido, cuestión que agora ten atribuída o Estado. Así, José González destacou a incorporación á lei dunha emenda do Grupo Socialista polo que se ampliou o prazo inicial de cinco anos ata os dez para que os donos poidan reclamar e acreditar a propiedade dos predios. Neste sentido, explicou que “as garantías son máximas, e maiores que había na lei estatal ata agora”, xa que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, despois de finalizar o procedemento de investigación, se aparece o propietario apórtalle a este as fincas e as rendas que tivo durante o tempo que estiveron alugadas. O que se procura é “regularizar a titularidade”, dixo o conselleiro. Na norma establécese e detállase a declaración de abandono ou infrautilización de terreos, un paso previo fundamental para fomentar a súa xestión.

Instrumentos de recuperación

Nesta liña, a nova norma rexerá un conxunto de instrumentos voluntarios para mobilizar a terra, que convivirán coa declaración de novas concentracións parcelarias en lugares nos que haxa iniciativa agrícola e gandeira. Entre eles salientan os polígonos agroforestais, as aldeas modelo e as agrupacións de xestión conxunta, figuras que debullou José González, insistindo en que “garanten a seguridade xurídica para propietarios e destinatarios, así como a rendibilidade”.

O conselleiro sinalou que os polígonos agroforestais teñen por obxecto poñer a producir áreas de terra agraria abandonada ou infrautilizada e con boa capacidade produtiva, por iniciativa da administración ou de particulares

José González indicou tamén que mediante a figura das aldeas modelo búscase recuperar de xeito sustentable terra abandonada arredor dos núcleos de poboación creando actividade agrogandeira e, polo tanto, devasas naturais para anticiparse aos incendios.

Outra figura establecida na lei é a das agrupacións (agrogandeiras e forestais) de xestión conxunta. Así, as persoas propietarias ou titulares de dereitos de aproveitamento de terreos agroforestais que pretendan xestionar conxuntamente as súas parcelas poderán solicitar o seu recoñecemento como agrupación agrogandeira ou forestal. José González puntualizou que este modelo de xestión conxunta non suporá a reorganización da propiedade dos terreos agroforestais e comportará a obrigatoriedade da súa xestión e aproveitamento de maneira conxunta durante o tempo de vixencia da actuación neses terreos.

O conselleiro salientou outra ferramenta que se crea con esta lei, para propiciar a remuda xeracional no agro. Trátase do Banco de Explotacións, un instrumento público de mediación que facilitará o contacto entre titulares de explotacións que abandonan a actividade e persoas interesadas en incorporarse a elas, co fin de garantir a súa continuidade e a das súas terras.

Incentivos para a recuperación

Por último, José González subliñou que a lei prevé medidas xerais para promover a recuperación e posta en valor da terra agraria, tales como axudas públicas, liñas de crédito bonificadas e outros instrumentos financeiros (sobre todo, préstamos garantidos cofinanciados por fondos europeos estruturais e de investimento) e contratos temporais de xestión pública. Así, explicou que incorpora incentivos fiscais en impostos que xestiona a comunidade autónoma e contempla tamén propoñer ao Estado medidas fiscais específicas para incentivar a mobilización. Dentro delas, resaltan as relativas á imposición sobre a renda das persoas físicas e xurídicas para favorecer o arrendamento das parcelas rústicas ao Banco de Terras e a transmisión ou arrendamento dos predios que se incorporen aos polígonos, ás aldeas modelo ou ás agrupacións de xestión conxunta. Tamén, incentivos fiscais a prol da incorporación de axentes promotores aos mecanismos de mobilización, así como nos tributos estatais que afecten ás permutas en solo rústico, concluíu José González.

Como remate da súa intervención, o conselleiro reiterou -como xa fixera en sede parlamentaria- que “non temos outra intención que acertar coa aplicación desta lei, porque estamos encarando un problema fundamental, que é o abandono do territorio” e engadiu que grazas a esta norma e ao impulso das liñas de apoio da Unión Europea “probablemente esta sexa a xeración que teña a mellor ocasión de poñer todo isto en valor”. Finalizou advertindo que “a clave é ter actividade rendible no territorio, que a xente que viva no rural viva tamén do rural”.

Enlace á Lei de recuperación da terra agraria que publica hoxe o DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210521/AnuncioC3B0-190521-0001_gl.html

Imaxes relacionadas