A Xunta licita o equipamento da nova escola infantil de Paderne de Allariz para que entre en servizo o vindeiro curso

Destínanse 83.000 euros para dotar ao centro do mobiliario e material necesario para o desenvolvemento da actividade

Pódense presentar ofertas ata o vindeiro día 8 de xuño

As familias teñen aberto o procedemento extraordinario de solicitude de praza ata o 31 de agosto

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2021

A Xunta licita o equipamento da nova escola infantil de Paderne de Allariz por case 83.000 euros, co obxectivo de que poida entrar en funcionamento en setembro co inicio do curso 2021-2022 e toda vez que as obras deste inmoble están practicamente rematadas. As empresas teñen de prazo ata o día 8 de xuño para presentar as súas ofertas.

Coa publicación deste procedemento, que se pode consultar na Plataforma de Contratos de Galicia, o Goberno galego avanza na próxima entrada en servizo deste novo centro, cuxas obras se iniciaron no verán de 2019 e nas que se investiron 535.000 euros. Do total desta contía, a Administración autonómica sufragou 410.000 euros (cun 80% procedente do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Feder) e o resto do financiamento correu a cargo da Mancomunidade Voluntaria de Concellos da comarca de Ourense.

A escola contará con 41 prazas repartidas en tres unidades e coa súa entrada en funcionamento melloraranse as posibilidades de conciliación tanto das familias que residen e traballan en Paderne de Allariz como daquelas que o fan nos municipios da contorna. De feito, nestes momentos permanece aberto ata o vindeiro 31 de agosto o procedemento extraordinario de solicitude de praza, que se pode tramitar ben a través da sede electrónica da Xunta ou de maneira presencial e con cita previa na escola infantil do Pereiro de Aguiar, que é a máis próxima.

Mobiliario, material didáctico e electrodomésticos

O orzamento para o equipamento da escola está cofinanciado polo Feder, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Ademais de dotala do mobiliario necesario para o desenvolvemento do servizo, o contrato inclúe o subministro de instrumentos musicais, artigos deportivos, xogos didácticos, accesorios e aparatos electrodomésticos.