A conselleira de Política Social visitou esta mañá este centro residencial de titularidade autonómica

Fabiola García anuncia un investimento de preto de 300.000 euros para mellorar a eficiencia enerxética da residencia de maiores de Carballo

Cambiaranse parte das fiestras do centro, mudaranse as caldeiras de calefacción por bombas de calor, adecuarase a cuberta do edificio e colocaranse placas solares para xerar enerxía ecolóxica e rendible

Carballo (A Coruña), 21 de maio de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou esta mañá durante unha visita á residencia de maiores de Carballo o investimento de preto de 300.000 euros que a Xunta de Galicia destinará a obras de acondicionamento destas instalacións. A previsión do Goberno galego é que os trámites previos ao inicio dos traballos, que saen hoxe a licitación, estean listos para o verán.

Fabiola García asegurou que o obxectivo principal das obras que se acometerán neste centro residencial de titularidade autonómica é mellorar a calidade de vida das persoas maiores usuarias do centro. Para iso, entre outros aspectos, procederase a cambiar parte das fiestras do centro, mudar as caldeiras de calefacción por bombas de calor, adecuar a cuberta do edificio e colocar placas solares parar xerar enerxía ecolóxica e rendible.

Coa paulatina volta á normalidade e as visitas e saídas das residencias cada vez máis habituais, a Xunta de Galicia, despois duns meses no que a única prioridade foi conservar a saúde dos usuarios, considera que é o momento de mellorar a calidade de vida das persoas maiores que neste ano viron as súas rutinas sometidas a grandes limitacións e estritas medidas de precaución.

Sen contaxios

A conselleira de Política Social aproveitou o acto para poñer en valor a “xenerosidade e valentía amosada polos nosos maiores nuns meses tan duros”. Fabiola García quixo, así mesmo, salientar e agradecer ao persoal a súa profesionalidade e o estrito cumprimento do protocolo en centros como o de Carballo, que non rexistrou ningún contaxio durante a pandemia. Así, unha vez que a práctica totalidade de usuarios das residencias están vacinados e que se cumpren dous meses do último falecemento nunha residencia da comunidade, o Goberno galego está a traballar nun conxunto de actuacións centradas en mellorar a comodidade dos centros nos que viven.

Imaxes relacionadas