A conselleira do Mar participou na inauguración da gala final do proxecto Batéate, promovido pola Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega)

Rosa Quintana destaca o valor de iniciativas como Batétate para facer atractiva a cadea mar-industria ás novas xeracións

Fixo fincapé na formación como piar fundamental para asegurar un mellor porvir para o sector marítimo-pesqueiro e puxo en valor o papel das escolas de formación como as dependentes da Xunta

A formación é unha materia clave para a Consellería do Mar e tamén para a Unión Europa, que no seu último Programa Operativo do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca destinou a Galicia 7 millóns de euros
 

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 21 de maio de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, fixo fincapé na necesidade de facer atractiva ás novas xeracións a actividade da cadea mar-industria co obxectivo de impulsar a remuda xeracional. Nesta liña puxo de relevo a importancia de contar con iniciativas como Batéate, promovida pola Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega) para dar a coñecer e poñer en valor o oficio no sector mexilloeiro. Así o salientou durante inauguración da gala final deste proxecto, celebrada en Vilagarcía de Arousa e na que tamén estivo a directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), Covadonga Salgado.

Alí a titular de Mar tamén fixo fincapé na formación “como piar fundamental para asegurar un mellor porvir para o sector” e puxo en valor o papel das escolas de formación como o Instituto Galego de Formacion en Acuicultura (Igafa), o Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo e as escolas oficiais náutico-pesqueiras de Ferrol e Ribeira, dependentes da Consellería do Mar.

A función destes centros, incidiu a conselleira, é clave para contar con persoal preparado que contribúa a que Galicia manteña a súa competitividade no eido marítimo-pesqueiro e para sacalas adiante foi necesario un importante esforzo económico. Isto reflicte que a formación é unha materia clave para a Consellería do Mar e tamén para a Unión Europa, que no seu último Programa Operativo do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca destinou a Galicia 7 millóns de euros, sinalou Rosa Quintana.

En canto á campaña Batéate, atopa o teu espazo no mundo, a titular de Mar subliñou que axuda aos máis novos a coñecer o oficio de mitilicultor dunha forma innovadora e “a por en valor o esforzo que hai detrás de cada mexillón que é recollido”.

Ao mesmo tempo a conselleira felicitou a Opmega por esta iniciativa que nesta segunda edición inclúe un concurso de fotografía e outro de reportaxe audiovisual do oficio na mitilicultura destinados aos alumnos de 4º de ESO e de Formación Profesional Básica dos centros educativos do Barbanza. Hoxe na gala final desta iniciativa, presentada por Carlos Blanco e Marco Fernández (WithZack) e celebrada en modalidade semipresencial, farase a entrega dos premios.


Batéate ten como obxectivo poñer en valor o sector mexilloeiro e os seus oficios co fin de asegurar o futuro do sector mediante a remuda xeracional. O ano pasado esta campaña desembarcou en dez centros educativos da comarca do Salnés.
 

Imaxes relacionadas