Feijóo destaca o impulso das obras do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, que avanzan de forma coordinada coa asistencia sanitaria da pandemia

Subliña que o Plan director contempla un investimento total de 131 millóns, que permitirán, nunha primeira fase, ampliar a superficie hospitalaria un 54%

Incide en que Ferrolterra necesita o apoio de todas as administracións públicas e confirma que a proposta de Pacto de Estado por Ferrol foi remitida ao presidente do Goberno central a pasada semana

Avanza que o documento foi trasladado o martes ao resto das administracións, tanto a Deputación como ao conxunto de concellos que conforman a comarca, así como aos axentes socioeconómicos
 

Ferrol, 21 de maio de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o impulso das obras do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, que avanzan de forma coordinada coa asistencia sanitaria da pandemia.

Durante unha visita esta mañá ao hospital público, Feijóo quixo agradecer, en primeiro lugar, o esforzo e a implicación de todos os profesionais do Sergas e reiterou o compromiso da Xunta de seguir desenvolvendo unha sanidade pública con máis e mellores servizos. Así, subliñou que o Plan director para este centro, que dá servizo a 220.000 veciños, contempla un investimento total de 131 millóns de euros, que permitirán ampliar, nunha primeira fase, a superficie hospitalaria un 54%.

Máis polo miúdo, o titular do Executivo autonómico precisou que en outubro de 2019 comezaron a executarse as obras da primeira fase, para as que se prevé un investimento de 58 millóns de euros.

Con esta partida, o Arquitecto Marcide ampliarase mediante a construción de dous edificios: o edificio Sur albergará a nova central de instalacións, a xerencia, a dirección e a administración; e o edificio Este, que albergará a cociña, os vestiarios, as urxencias, a farmacia, os gabinetes e os servizos de nefroloxía, pediatría, UCI e a nova hospitalización. Ademais de levar a cabo a reforma da planta semisoto para instalar o novo servizo de radioloxía e a urbanización circundante a estas áreas; e de acometer no Naval as reformas interiores para habilitar os espazos necesarios para o traslado provisional de determinados servizos desde o Marcide.


Logo de rematar esta primeira fase, Feijóo salientou que, ademais de contar con máis espazo, contarase con máis servizos como: haberá 5 novas unidades (con 170 camas en total, xerando ademais 14 camas de Pediatría), radioloxía vascular intervencionista e unha segunda resonancia.

Ademais deste proxecto, Feijóo lembrou a aposta do Goberno galego pola mellora do equipamento dos hospitais públicos galegos: cun investimento de máis de 4 millóns de euros para adquirir 37 equipos radiocirúrxicos, 2 dos cales se destinarán ao hospital de Ferrol; e coa aprobación da adquisición de 7 sistemas cirúrxicos robotizados Da Vinci -un por área sanitaria-, cun investimento de máis de 20 millóns.

“E a aposta por este hospital comprende tamén a mellora da seguridade viaria e accesibilidade e a ampliación do número de prazas de aparcamento libre dispoñibles no Hospital Naval”, incidiu.

Pacto de Estado por Ferrol

O presidente do Executivo galego aseverou que con esta renovación a Xunta acredita o seu compromiso coa comarca, e incidiu, novamente, en que Ferrolterra necesita o apoio de todas as administracións públicas. Ao respecto, confirmou que a proposta de Pacto de Estado por Ferrol foi remitida ao presidente do Goberno central a pasada semana; “e o pasado martes foi trasladado este documento, con 100 proxectos para Ferrol, Eume e Ortegal, ao resto das administracións, tanto a Deputación como ao conxunto de concellos que conforman a comarca, así como aos empresarios e sindicatos, porque estamos chamados todos a buscar unha fórmula con proxectos novos e tractores”, abundou.

Nesta liña, precisou que este documento contén un apartado específico referido á consolidación dos servizos públicos, incluíndo esta ampliación do hospital, ademais: do novo aparcamento do Naval, da ampliación das prazas do centro de día de Esteiro e do centro de día de Caranza, dunha nova residencia pública de maiores da Xunta no Bertón, dunha nova residencia pública de maiores municipal no Boial e do desenvolvemento de novas políticas de conciliación, atención á dependencia e atención á vulnerabilidade.
 

Imaxes relacionadas