O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá en Vigo na presentación de Mindtech 2021

A Xunta sinala que Mindtech 2021 será o escaparate e punto de encontro da capacidade instalada en Galicia e para visibilizar unha industria dixital e sostible

Conde destaca que con esta segunda edición, que se celebrará do 14 ao 16 de setembro, aspira a reafirmarse como a feira industrial de referencia do Polo Ibérico

Fixa como principal reto dar a coñecer a dobre transformación, ecolóxica e dixital, que vive o sector do metal, un dos que teñen máis potencial para a innovación e para a diversificación de mercados e produtos

Subliña os avances no eido enerxético –a través das renovables e da eólica offshore–, a automoción, o naval e os sectores aeroespacial e biotecnolóxico

Asegura que os Next Generation serán o marco estratéxico desta feira xa que estarán representados todos os sectores que aspiran a captar estes fondos europeos

Vigo, 21 de maio de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá, en Vigo, na presentación de Mindtech 2021, que se celebrará entre o 14 e o 16 de setembro deste ano. Na súa intervención, o vicepresidente económico sinalou que esta feira ten que ser o escaparate, altavoz e punto de encontro de toda a capacidade instalada coa que conta a Comunidade para trasladar a mensaxe de que a industria galega é dixital e sostible.

“Mindtech é unha aposta pola industria 4.0, a tecnoloxía, a innovación, e o talento, ademais dunha oportunidade de cara a futuro para amosar os nosos avances en proxectos tecnolóxicos e de innovación”. subliñou Conde quen asegurou que Galicia está sabendo anticiparase á transformación dixital.

Así, Conde fixou como principais retos desta segunda edición visibilizar o dobre proceso de transformación dixital e ecolóxica pola que atravesa o sector do metal e das súas tecnoloxías asociadas –que representa máis do 20% do PIB de Galicia e que é un dos ámbitos con maior potencial para a innovación e a diversificación de mercados e produtos–; e reafirmarse como a feira industrial de referencia do Polo Ibérico, amplificando a súa proxección nacional e internacional.

Neste sentido, os sectores protagonistas da próxima década serán a enerxía, a través do impulso ás renovables con desafíos como a eólica mariña; a automoción, que avanzará cara a unha mobilidade sustentable, segura e conectada; un naval que apostará polo estaleiro 4.0; a biotecnoloxía; ou o aeroespacial. Precisamente onte o Consello da Xunta aprobou a Estratexia do Polo Aeroespacial 2021-2025 para impulsar esta industria, comercializar os seus produtos e servizos e crear emprego de calidade.

Segundo Conde, os Next Generation serán o marco estratéxico de Mindtech 2021, xa que todos os sectores que estarán representados na feira aspiran a captar estes fondos europeos con proxectos que contan co apoio da Xunta, como AutoAncora, no eido da automoción; o Polo Aeroespacial ou os proxectos no eido do naval e da eólica offshore. Galicia xa conta actualmente con 354 iniciativas que permitirían mobilizar un investimento público-privado de 20.000M€.

O vicepresidente económico finalizou chamando á colaboración institucional e
público-privada para establecer espazos de cooperación que permitan identificar oportunidades, aliñar obxectivos e dar resposta aos grandes desafíos de futuro. Puxo en valor, por exemplo, que a presentación de hoxe contase con representantes tanto da Xunta como do concello de Vigo, a Deputación de Pontevedra e o Goberno de España.

Imaxes relacionadas