A Axencia Galega da Calidade Alimentaria anima ao persoal investigador a inscribirse nas súas listas de contratación para participar nos proxectos que desenvolve nos seus centros

O DOG publica hoxe a resolución pola que se establecen as bases que rexerán o proceso de elaboración das listas da Agacal para a contratación temporal de persoal investigador

A partir de mañá, ábrese un prazo de 20 días para que os interesados presenten de xeito telemático as correspondentes solicitudes de incorporación nesas listas

As necesidades de investigación na Agacal céntranse en tres sectores de actividade: agropecuaria, forestal e viticultura-enoloxía
 

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, pola que se aproban as bases que rexerán o proceso de elaboración das listas propias da Axencia para a subscrición de contratos laborais de duración determinada con persoal investigador asociado a proxectos vinculados cos centros da Agacal. Así, ábrese un prazo de 20 días a partir de mañá para que os interesados en incorporarse a esas listas poidan presentar de xeito telemático as correspondentes solicitudes.

Cómpre apuntar que as necesidades de investigación na Axencia Galega da Calidade Alimentaria céntranse en tres sectores de actividade: agropecuaria, forestal e viticultura-enoloxía. Cada sector conta con distintas áreas e cada área subdivídese en diferentes liñas de investigación. Deste xeito, os interesados deberán indicar expresamente que liñas de investigación das contempladas na resolución lles interesan e acreditar que contan coa formación relacionada requirida.

Como documentación complementaria, os solicitantes deberán achegar o seu currículo, título de doutoramento ou que acredite a obtención da suficiencia investigadora, así como contratos de traballo como investigador. Tamén se deberán aportar certificacións da participación en proxectos de investigación de convocatorias públicas (autonómica, nacional ou internacional), patentes industriais ou publicacións científicas a cargo do interesado. Cabe sinalar, así mesmo, que se terán en conta as actividades de transferencia realizadas como responsables ou cooperantes que permitan establecer a relación directa coas liñas, áreas e sectores do catálogo de investigación solicitados.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado específico dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e para a presentación poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos por dita sede. No caso de persoas solicitantes estranxeiras, deberán designar un representante con sinatura dixital en España.

Funcións da Agacal

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria conta con distintas instalacións desde as que promove as súas iniciativas investigadoras, como son o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), que engloba a Estación Experimental Agrogandeira da Pobra do Brollón, a Estación Experimental de Gandería de Montaña do Marco da Curra (Monfero) e a Estación Experimental Agrícola do Baixo Miño (Salceda de Caselas). Tamén dispón do Centro de Investigación Forestal de Lourizán e da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), na que se enmarca a Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia.

Canto ás funcións da Agacal, a Axencia céntrase en determinar e canalizar as demandas científico-técnicas e analíticas do sector agrario e alimentario de Galicia, en impulsar actividades de I+D+I arredor deses sectores e en fomentar e executar distintos traballos de investigación nas materias agrícolas, gandeiras e forestais. Tamén persegue promover ou participar directamente nas operacións concretas de desenvolvemento nas que se dean as circunstancias de interese territorial ou estratéxico, conservar o patrimonio xenético tradicional de Galicia das especies de produción agroforestal ou promover a mellora xenética dese material vexetal, entre outros obxectivos.


Enlace á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210521/AnuncioG0528-070521-0001_gl.html
 

Imaxes relacionadas