A conselleira do Mar mantivo un encontro con representantes das confrarías de pescadores e das asociacións de marisqueo de Galicia

A Xunta denuncia o ataque inxustificado do Goberno central ao marisqueo en Galicia tras recorrer o Plan Xeral de Explotación Marisqueira 2021-2023

O Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico pide a derrogación da orde pola que se aproba o plan alegando que non se solicitou un informe preceptivo e vinculante da Dirección Xeral da Costa e do Mar

Ese informe non é preciso neste caso dado que o plan só regula a actividade e non outorga zonas de explotación marisqueira, nin en réxime de autorización nin de concesión, para a ocupación do dominio público marítimo-terrestre

O procedemento seguido na súa tramitación é o mesmo que no resto de plans anuais aprobados desde os anos 90 e que en ningún caso foron recorridos

O ‘Diario Oficial de Galicia’ publica mañá a resolución pola que se fai público o recurso para que as persoas interesadas poidan comparecer como parte no proceso

O Executivo galego lembra que este recurso supón xogar co futuro do sector e poñer en risco a actividade de máis de 3.700 persoas que traballan no marisqueo a pé -a maioría mulleres- e de arredor de 5.000 persoas que se dedican ao marisqueo desde embarcación

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe un encontro con representantes das confrarías de pescadores e das asociacións de marisqueo de Galicia para informalos do recurso presentado polo Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico para derrogar o Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o período 2021-2023. A titular de Mar lamentou que se trata dun novo ataque inxustificado do Goberno central a Galicia e ao seu complexo mar-industria que incide directamente no labor das mariscadoras e mariscadores.

A representante da Xunta explicou aos responsables do sector que mañá vai saír no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se fai público este recurso contencioso-administrativo co Executivo estatal co obxectivo de que as persoas interesadas poidan comparecer como parte no proceso.

Rosa Quintana indicou que o Ministerio de Transición Ecolóxica argumenta que o Plan Xeral de Explotación Marisqueira 2021-2023 require dun informe preceptivo e vinculante da Dirección Xeral da Costa e o Mar para o outorgamento de zonas de explotación marisqueira, en réxime de autorización ou concesión. Non obstante, Galicia xa aclarou na resposta ao requirimento previo á presentación do recurso que a orde pola que se aproba o plan non outorga zonas de explotación marisqueira, nin en réxime de autorización nin de concesión, polo que non é necesario o informe sobre a ocupación do dominio público marítimo-terrestre.

A conselleira do Mar incidiu ademais en que o plan para os anos 2021-2023 segue a liña dos plans anuais aprobados desde o anos 90, para os que tampouco se requiría ese informe e que en ningún momento foron recorridos polo Goberno central.

A Xunta lamenta que o Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico poña en dúbida e ataque un sistema de xestión consensuado cos profesionais do sector e que ten demostrado a súa eficacia para regular a actividade marisqueira de maneira ordenada, sustentable e respectuosa co medio ambiente desde hai décadas. A ausencia desta regulación complicaría o desenvolvemento normal da actividade.

A titular de Mar asegurou que o recurso do Goberno central non ten xustificación e que supón xogar co futuro e poñer en risco a actividade das máis de 3.700 persoas que se dedican ao marisqueo a pé en Galicia -das que máis do 74% son mulleres- e das arredor de 5.000 persoas que traballan no marisqueo desde embarcación.

Ademais, engadiu, supón tirar por terra meses de traballo das confrarías e asociacións marisqueiras do sector que participaron no deseño e elaboración dos 94 plans de xestión vixentes actualmente e incluídos no Plan Xeral de Explotación Marisqueira 2021-2023. Por iso, Galicia defenderá ata as últimas instancias os intereses do sector e un modelo de xestión dos recursos con décadas de historia e baseado na conxestión dos recursos que ten demostrado a súa eficacia.

Imaxes relacionadas