A Xunta promove o uso da madeira de proximidade na construción e a valorización de especies locais

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou esta tarde na xornada en liña de presentación da ferramenta web Trabe, deseñada para o cálculo estrutural de produtos en madeira

Este instrumento de traballo para profesionais da construción e a rehabilitación xorde do convenio entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2021

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou esta tarde na xornada en liña de presentación da ferramenta web Trabe, deseñada para o cálculo estrutural de produtos en madeira. Organizada en colaboración co Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, estivo dirixida a este colectivo co obxectivo de darlle a coñecer este instrumento gratuíto que lles pode facilitar o seu día a día.

Trabe xorde do convenio entre a Xunta de Galicia, a través de Xera, e a Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) da Universidade de Santiago de Compostela, para ofrecer aos profesionais da construción e a rehabilitación unha ferramenta para o dimensionado de estruturas de madeira segundo o Código Técnico de Edificación. Posta en marcha o pasado mes de outubro, nestes momentos permite o cálculo de forxados e proximamente contará cun novo módulo para cubertas. Está pensada como apoio para a toma de decisións do prescritor de cara a obter unha instalación en condicións de calidade e seguridade.

Tanto con Trabe como con outras actuacións froito do convenio entre Xera e Pemade
–como a guía técnica para o implantación do marcado CE nos produtos de madeira, ou a caracterización estrutural das especies máis representativas do territorio– trátase de promover o uso da madeira na construción, un dos compromisos da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Como exemplos, destaca o proxecto deseñado para o fondos europeos TechMadeira (38M€), que impulsará a construción neste material e levará a dixitalización e a innovación ás empresas forestais. Ademais, hoxe mesmo informouse no Consello da Xunta da próxima posta en marcha da convocatoria de axudas para promover a formación de máis de 1500 profesionais na industria forestal galega a través de accións tanto formativas como divulgativas ás que se destinarán 500.000 euros.

Ademais, tras o peche de prazo esta semana dos apoios para investimentos en tecnoloxías forestais, procesado, mobilización e comercialización de produtos forestais, cofinanciada con fondos Feader; nos próximos días abrirase tamén a liña das axudas para a valorización, potenciación, innovación e mellora das pequenas e medianas empresas da industria forestal de Galicia, así como segunda transformación e contract, dotada con 2 millóns de euros.

Imaxes relacionadas