A Xunta solicita o apoio do Goberno central ao Xacobeo e reivindica Galicia como destino seguro

Galicia participou no pleno do Consejo Español de Turismo (Conestur) que se celebrou esta mañá en Fitur 2021

Alfonso Rueda reivindicou o traballo que o Goberno galego está a facer para revertir os efectos da pandemia sobre o sector turístico

A xuntanza coas CCAA serviu para presentar a campaña de verán de Turespaña e as novas liñas de actuación previstas para os vindeiros meses

Madrid, 20 de maio de 2021

“Galicia está preparada para recibir de novo a viaxeiros e peregrinos; durante este tempo de pandemia traballamos arreo para ofrecer confianza nun destino e nun camiño seguro”. Así se manifestou o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, ao remate do pleno do Consejo Español de Turismo (Conestur), que se celebrou esta mañá en Fitur 2021 e no que a Xunta solicitou o apoio do Goberno central ao Xacobeo e reivindicou Galicia como destino seguro.

O vicepresidente, acompañado da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou en representación de Galicia neste encontro do órgano de cooperación xestionado por Turespaña. A xuntanza serviu para presentar as principais liñas da campaña de verán que o Goberno central ven de lanzar para promover a recuperación da confianza do viaxeiro no destino España e para presentar a folla de ruta da Estratexia de Turismo Sostenible 2030. A Xunta reclamou ao Goberno central que na folla de ruta desas campañas teña un papel importante o Plan Nacional do Xacobeo 21-22.

Alfonso Rueda indicou que o sector turístico está chamado a ser o motor da recuperación socioeconómica do país, e por iso desde a Xunta lévase tempo traballando para recobrar a confianza dos viaxeiros con medidas como a posta en marcha do seguro coronavirus, que se activará en menos de tres semanas co obxectivo de ofrecer tranquilidade aos turistas e peregrinos que visiten a comunidade mediante a cobertura dos custos sanitarios, de aloxamento ou transporte derivados dun posible caso de infección por covid-19.

A Xunta inviste 1,4 millóns de euros nesta medida pioneira, con coberturas que van desde os 500 euros ata un máximo de 15.000 euros no caso de repatriación sanitaria internacional. Será de balde para todos os visitantes con residencia fóra de Galicia que se aloxen nun establecemento regrado da comunidade galega. A única condición é que o viaxeiro non tivese contraído a enfermidade antes de chegar a Galicia e que non fixera a viaxe cando estea desaconsellado ou prohibido polas autoridades sanitarias en orixe.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que este seguro “ofrece un plus de tranquilidade aos turistas e peregrinos e contribúe a reforzar a mensaxe de Galicia como destino seguro, de calidade e confiable” na que precisamente “o Goberno galego vén traballando desde o comezo da pandemia coa finalidade de recuperar a confianza dos visitantes neste Xacobeo 21-22”.

O seguro coronavirus forma parte do plan de choque do sector turístico que inclúe outras medidas como as axudas ás axencias de viaxes e ao sector da turoperación, ás que o Goberno galego destinou 3,6 millóns para garantir a liquidez destes negocios cun importante papel na promoción de Galicia como destino seguro e na promoción do Ano Santo.

Ademais, tamén se enmarcan neste plan iniciativas de fomento do consumo interno como a Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia, que tivo unha gran acollida ao esgotarse as tarxetas en só 12 horas, xunto coa reactivación do programa Elixe Galicia desde finais deste mes con estancias turísticas para determinados colectivos. Entre ambas iniciativas a Xunta prevé inxectar case 10 millóns de euros no sector turístico para axudarlle na súa reactivación.

Imaxes relacionadas