A Xunta pon en valor o Programa Camiño Seguro perante as comunidades autónomas polas que discorren as rutas xacobeas

O vicepresidente primeiro presidiu en Fitur 2021 un encontro con representantes dos territorios do Estado que contan con tramos do Camiño

Alfonso Rueda salientou o traballo feito pola Xunta para gañar a confianza dos peregrinos e dixo que Galicia “xa está preparada” para recibilos

Madrid, 20 de maio de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta presidiu en Fitur 2021 un encontro con representantes das comunidades autónomas polas que discorre o Camiño de Santiago. Nesa reunión, Alfonso Rueda puxo en valor o traballo feito en Galicia para garantir a confianza dos peregrinos e o programa Camiño Seguro como exemplo a seguir no contexto actual de recuperación do turismo trala pandemia sanitaria.
O vicepresidente primeiro informou das iniciativas emprendidas en Galicia para certificar o Camiño de Santiago como unha alternativa segura, con limitacións de ocupación nos albergues, elaboración de protocolos, cursos de formación para os titulares dos establecementos ou axudas para adaptar os locais ás medidas sanitarias. Alfonso Rueda subliñou que Galicia “xa está preparada” para celebrar un Ano Santo excepcional e invitou ás outras comunidades autónomas a seguir o exemplo para aproveitar a oportunidade que supón o Camiño para a recuperación económica e turística.
Os representantes das comunidades autónomas polas que pasa o Camiño coordinaron as accións conxuntas que se van desenvolver no segundo semestre do ano para a promoción do evento. Entre esas iniciativas, salientaron a unidade móbil que percorrerá as 12 cidades de maior poboación a menos de 600 quilómetros de Galicia para difundir o Xacobeo, así como a colocación de mouteiras conmemorativas que Turismo de Galicia situará nos lugares máis representativos dos territorios de España polos que discorren as rutas.
A maiores, a Xunta ten previsto lanzar unha gran canle sobre o Camiño de Santiago dentro de Google Art&Culture para difundir o Camiño a nivel global, froito dun acordo entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e Google.

Encontros arredor do Camiño

No encontro coordináronse tamén as accións que se van levar a cabo no eido académico, os obxectivos do vindeiro XII Congreso do Comité Internacional de Expertos, a celebración do pleno do Consello Xacobeo en Santiago, os encontros con presidentes dos Parlamentos autonómicos, o cumio de cidades españolas do Camiño de Santiago ou a XXXIV Asemblea da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, entre outras citas de interese.

Os asistentes abordaron, así mesmo, as accións de promoción do Camiño fóra de España, facendo fincapé nas actuacións que se van levar a cabo en Portugal ou en Italia e en encontros internacionais como o de afeccionados á arte das alfombras que se celebrará en 250 cidades de 27 países ou a Peregrinación Europea da Xuventude que se prevé celebrar no mes de agosto.

O vicepresidente primeiro indicou no foro que o obxectivo da Xunta é seguir reforzando a imaxe de que Galicia é un destino seguro. Coa posta en marcha do seguro coronavirus, que conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros, para que os viaxeiros que se acheguen á nosa comunidade se sintan seguros coa cobertura dos seus gastos sanitarios, de aloxamento ou transporte ante un posible contaxio.

O seguro coronavirus busca tamén a recuperación do sector turístico, e a súa posta en marcha é, así mesmo, unha medida de apoio ás axencias de viaxes e ás empresas do sector, que poderán ofertar Galicia como destino seguro aos seus clientes.

Ademais, a Xunta ten en marcha iniciativas de fomento do consumo interno como a Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia, que tivo unha gran acollida ao esgotarse as tarxetas en só 12 horas, xunto coa reactivación do programa Elixe Galicia. Entre ambas iniciativas a Xunta prevé inxectar 10 millóns de euros no sector turístico para axudalo na súa reactivación.

Imaxes relacionadas