A Xunta reafirma en Fitur 2021 o seu apoio á hostalería lucense e salienta o esforzo do sector para avanzar na recuperación

O vicepresidente primeiro recordou que Galicia está preparada para a reactivación económica da man do Xacobeo e do turismo de calidade

Alfonso Rueda participou na presentación do congreso gastronómico e cultural “... E para comer, Lugo no Camiño”, organizado pola Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo
 

Madrid, 20 de maio de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta gabou hoxe en Fitur o esforzo de adaptación que realizaron os hostaleiros lucenses para poder desenvolver o seu traballo con seguridade e reafirmou o compromiso da Xunta co sector, ao que quixo transmitir unha mensaxe de confianza porque “Galicia está preparada” para a reactivación económica da man do Xacobeo e do turismo de calidade.

Alfonso Rueda participou no acto de presentación do II Congreso gastronómico e cultural “... E para comer, Lugo no Camiño”, que organiza a Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo (APEHL).

O evento terá lugar o 29 de maio en Lugo e inclúe unha charla sobre a cultura do viño nos Camiños de Santiago que atravesan a provincia, que será impartida por Xoan Cannas, director do Instituto Galego do Viño; unha demostración do barista José Manuel Portela, responsable de formación de Cafés Candelas; un obradoiro para nenos e varias demostracións de cociña con produtos de proximidade a cargo de Javier Estévez, recoñecido coa Estrella Michelín, entre outros actos.

O vicepresidente primeiro lembrou que a colaboración do Goberno galego coa APEHL é constante, tanto na posta en marcha de iniciativas e campañas de dinamización como no apoio á propia estrutura e funcionamento da entidade. Ao respecto, sinalou que Turismo de Galicia achega á asociación 35.000 euros para o desenvolvemento do seu labor.

A Xunta distribuíu entre os hostaleiros da provincia preto de 6 millóns de euros en máis de 1.600 axudas a través do primeiro plan de rescate e do programa para o acondicionamento de terrazas e a adquisición de elementos de envasado e empaquetado de comidas e bebidas para levar. A Xunta estivo en todo momento do lado do sector, e por iso ampliou as axudas coa posta en marcha dun segundo plan de rescate, do que xa se están completando os pagos.

Galicia, destino seguro

O vicepresidente primeiro indicou no foro que o obxectivo da Xunta é seguir reforzando a imaxe de que Galicia é un destino seguro. Coa posta en marcha do seguro coronavirus, que conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros, para que os viaxeiros que se acheguen á nosa comunidade se sintan seguros coa cobertura dos seus gastos sanitarios, de aloxamento ou transporte ante un posible contaxio.

O seguro coronavirus busca tamén a recuperación do sector turístico, e a súa posta en marcha é, así mesmo, unha medida de apoio ás axencias de viaxes e ás empresas do sector, que poderán ofertar Galicia como destino seguro aos seus clientes.

Ademais, a Xunta ten en marcha iniciativas de fomento do consumo interno como a Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia, que tivo unha gran acollida ao esgotarse as tarxetas en só 12 horas, xunto coa reactivación do programa Elixe Galicia. Entre ambas iniciativas a Xunta prevé inxectar 10 millóns de euros no sector turístico para axudalo na súa reactivación.