A Xunta reforza o seu impulso á creación literaria en galego cun aumento do apoio ao certame de poesía Xosé M. López

Promovido polo Concello de Negreira e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a nova convocatoria presentada hoxe incrementa o premio a 3.000€

Negreira (A Coruña), 20 de maio de 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da X edición do Certame de Poesía Xosé M. López Ardeiro que conta co apoio da Xunta de Galicia no marco do seu compromiso por seguir impulsando a creación literaria en galego. Como expresou, o Goberno autonómico incrementará nesta edición o seu apoio a esta iniciativa que incrementa a contía do premio a 3.000€.

Trátase dun galardón que nos últimos anos estase a consolidar “como un importante estímulo dos creadores en lingua galega e tamén nunha boa mostra do traballo desenvolvido no ámbito literario desde Galicia que desde o Goberno autonómico apoiamos”. O certame, promovido polo Concello de Negreira coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, inclúe a edición das obras gañadoras e a entrega de 300 exemplares. Está aberto a todas as propostas poéticas escritas en lingua galega, orixinais e inéditas, cunha extensión entre 350 e 700 versos como máximo.

Ademais, rende homenaxe a José Manuel López Gomez, coñecido como José Ardeiro, que foi un escritor galego nacido en Negreira foi membro fundador da Sociedade Cultural Afonso Eanes e tamén da ONG Alén Mar. Foi recoñecido, entre outros, co premio de poesía Cidade de Ourense, Premio Celso Emilio Ferreiro do Concello de Vigo ou o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón.

Máis de 30 candidatos
Durante o acto, fíxose entrega do premio ao gañador da novena edición, o escritor ourensán Roberto Rodríguez, pola obra Teimas dun ninguén, que, como indicou Anxo M. Lorenzo, “en preto de 30 poemas realiza unha moi acertada combinación de elementos culturais galegos e universais con aspectos máis intimistas demostrando a versatilidade da nosa lingua”. Agradeceu o seu traballo e tamén o dos máis de 35 candidatos que concorreron a esta edición na que tamén resultou premiado como finalista Francisco Javier Dávila polo poemario Microretratos.
 

Imaxes relacionadas