A dirección xeral de Patrimonio Cultural informa favorablemente o proxecto de mellora do Pazo Quiñones de León en Castrelos

O Goberno galego vén de emitir o informe sobre a intervención que consiste na mellora das condicións ambientais necesarias para o uso ao que se destina o museo vigués

A actuación prevista contempla a restauración da carpintería exterior e das cubertas das torres e do alpendre

En canto á instalación dun sistema de climatización e ventilación requírese ao Concello de Vigo completar a documentación con datos máis específicos sobre a intervención
 

Vigo, 20 de maio de 2021

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural vén de informar favorablemente sobre o proxecto de mellora previsto para a conservación do Pazo Quiñones de León no parque de Castrelos, tras valorar a proposta achegada polo Concello de Vigo.

Así, o departamento do Goberno galego dá luz verde a esta actuación a excepción da instalación do sistema de climatización e ventilación para o que se lle require completar a documentación con datos máis específicos sobre a intervención a realizar

Concretamente, a proposta presentada polo Concello vigués prevé actuar sobre a carpintería exterior, moi deteriorada, co obxectivo de mellorar o illamento das 62 ventas, de madeira de castaño lacadas en branco mate e con vidro simple de once tipos distintos, coas que conta o Pazo. Tamén contempla a rehabilitación das construcións exteriores das torres situadas ao oeste e do alpendre, ao sur do edificio principal, por filtracións das cubertas.

No caso da dotación dun sistema de climatización que mellore as condicións ambientais interiores do museo, os técnicos de Patrimonio Cultural indican que, pese a tratarse dunha actuación viable, estímase preciso unha definición clara do proceso de execución para a instalación das tubaxes necesarias. Apuntan así que se deberá dar prioridade a unha intervención mínima sobre os muros así como sobre os falsos teitos polo seu valor patrimonial.

Deste modo, requírese ao Concello de Vigo que no prazo de 15 días achegue a nova documentación na que especifique dimensións, trazado e sección das tubaxes, recomendando valorar a simplificación do trazado e dos mecanismos á instalar e prestando especial coidado naqueles traballos que impliquen actuacións de ancoraxes de elementos de ventilación ou climatización sobre os muros pétreos.

Xa por último, valórase positivamente a integración dun novo local, aberto e pegado ao muro de peche da parcela, que servirá de aloxamento dos equipos de produción de climatización e ventilación.