O conselleiro do Medio Rural participou por videoconferencia no Consejo Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios e na Sectorial de Agricultura

Galicia reclama equidade na definición das superficies con dereito ao cobro da PAC na revisión destas políticas europeas

José González esixiu ao ministro de Agricultura un trato equitativo con respecto a outras comunidades mediterráneas ás que se lles vai solucionar este déficit coa incorporación das froiteiras á superficie susceptible de percibir axudas

Galicia contará con 334 millóns de euros para as políticas de desenvolvemento rural do período 2021-2022

A nosa comunidade reforzará tamén o control de pragas vexetais e forestais coa achega de 2,1 m€ do reparto nacional para estes programas

Na reunión tamén se concretou a distribución de recursos para o fomento da apicultura, unha liña á que a Xunta destinará este ano 1,3 millóns de euros

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2021

Galicia reclama un trato equitativo, con respecto a outras comunidades, na definición das superficies con dereito ao cobro da PAC, cara o futuro período de aplicación destas políticas. Así o trasladou o conselleiro do Medio Rural, José González, ao ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación, Luis Planas, durante a reunión da Conferencia Sectorial de Agricultura y Desarrollo Rural e do Consejo Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios, xuntanzas nas que participou por videoconferencia.

Neste sentido, o conselleiro advertiu que as comunidades de Valencia, Murcia e Galicia son, por esta orde, as que teñen unha menor porcentaxe con dereito a axudas da PAC, respecto da súa superficie agraria útil. E que as dúas autonomías mediterráneas van ver resolto este déficit -que ademais non se xustifica por razóns técnicas- a través da incorporación das froiteiras. Porén, José González sinalou que con esta medida non se soluciona a situación de Galicia, que ten un número moi importante -por exemplo de pastos- que terían dereito a cobro e que por razóns que non se xustifican tecnicamente non o están percibindo.

Polo tanto, o conselleiro esixiu que da mesma maneira que este déficit se vai corrixir para Valencia e Murcia se faga o mesmo con Galicia, “e con máis razón para a nosa comunidade, xa que se trata de superficies que, sen abrir a novos cultivos, xa agora deberían ter dereito a percibir axudas da PAC”. Se isto non se fai, engadiu, “Galicia vai rexeitar a apertura de novas superficies en calquera outra comunidade”.

Neste sentido, José González argumentou tamén que os propios grupos de traballo creados para avaliar a reforma da PAC advertiron que “no período actual determinados sectores foron parcialmente excluídos dos pagos en base a criterios que xa quedaron totalmente superados”. Concluíron ademais que “non existen razóns obxectivas que permitan manter esa exclusión, polo que propoñen que todos os sectores teñan acceso á axuda básica á renda”.

Desenvolvemento rural

En canto aos acordos formalizados nestas xuntanzas telemáticas, o conselleiro explicou tamén que Galicia contará con 334 millóns de euros para as políticas de desenvolvemento rural do período 2021-2022, de acordo coa distribución de fondos europeos por comunidades autónomas aprobada hoxe.

Ademais, a nosa comunidade reforzará tamén os seus plans de vixilancia e control de pragas no eido da sanidade vexetal e forestal, e farao cos fondos que lle corresponden no reparto nacional. Así, Galicia recibirá un total de 2.125.789 euros por este concepto, que se destinarán á loita fronte pragas como o nematodo do piñeiro, a couza guatemalteca da pataca ou o psílido africano dos cítricos, contra as que vén actuando a Xunta, dentro dos programas de control e vixilancia establecidos ao efecto.

Por outra banda, nestes encontros telemáticos tamén se deu luz verde ao reparto das achegas para o fomento da apicultura. Galicia destinará a esta finalidade preto de 1,3 millóns de euros, incorporando tanto os fondos propios da Xunta como a parte que corresponde ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación e ao cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga). Neste caso, o reparto de recursos faise consonte ao número de colmeas existentes en cada territorio, que en Galicia superan as 200.000.

Noutra orde de cousas, nestas xuntanzas abordáronse ademais asuntos relacionados co fomento da mellora gandeira. Así, Galicia recibirá un total de 182.051 euros para o impulso das súas razas autóctonas e algo máis de 423.000 euros de fondos para o control do rendemento leiteiro. Ademais, no ámbito gandeiro cómpre destacar tamén que a nosa comunidade recibirá algo máis de 448.000 euros dentro dos programas estatais de erradicación de enfermidades animais.