A Xunta reforza este ano o programa Emega de emprendemento feminino cun orzamento histórico de 3 millóns de euros para apoiar máis iniciativas empresariais femininas

A Xunta está a ultimar a convocatoria de 2021 deste programa coa previsión de elevar un 40% o seu orzamento

En 2020 o Emega acadou cifras récord co apoio a 200 proxectos liderados por mulleres e a xeración de máis de 300 postos de traballo

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo hoxe un encontro por videoconferencia cunha das emprendedoras beneficiarias que desenvolveu unha empresa que aplica a intelixencia artificial ao ámbito do Dereito

O Goberno galego mantén firme o seu compromiso co apoio ás necesidades empresariais das mulleres
 

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2021

A Xunta traballa para convocar o antes posible a nova edición do programa Emega de emprendemento feminino que na presente edición prevé contar cun orzamento histórico de 3 millóns de euros (o 40% máis que o ano pasado) co propósito de dar acubillo a máis iniciativas promovidas por mulleres e a xeración de máis postos de traballo feminino.

Emega rexistrou xa en 2020 un crecemento exponencial polo seu orzamento, 2,1 millóns de euros -o máximo acadado ata o momento polo programa- como polos proxectos empresariais liderados por mulleres e o emprego xerado. O ano pasado, un total de 197 iniciativas recibiron apoios do Goberno galego, o que permitiu xerar 323 postos de traballo ocupados por mulleres.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo hoxe un encontro telemático cunha das beneficiarias do programa que co proxecto Legalmit, radicado en Lugo e encadrado no ámbito das novas tecnoloxías adaptadas ao exercicio da avogacía, foi unha das 197 empresas creadas en 2020 co apoio da Xunta.

Emega é un dos programas que a Consellería de Emprego e Igualdade quere potenciar neste ano para paliar os efectos da pandemia e preparar a Galicia cara á reactivación económica. Para acadalo impulsa a actividade empresarial feminina, con accións favorecedoras da conciliación, esenciais para o éxito laboral das mulleres.

O programa de emprendemento está estruturado en catro liñas de actuación: A liña Emprende, que está destinada a posta en marcha de novas empresas; Innova, para a promoción de melloras en empresas lideradas por mulleres; Activa, que busca a reactivación e consolidación de proxectos empresariais; e ITEF, que se centra na axuda para a posta en marcha de iniciativas empresariais de base tecnolóxica.

A Xunta ofrece ademais dúas modalidades de axudas complementarias: Concilia, de apoio á conciliación da vida laboral, persoal e familiar; e Dual para impulsar a participación das promotoras no programa de acompañamento e titorización, co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais apoiados ao abeiro desta convocatoria, que desde o ano 2019 abrangue a todas as beneficiarias das axudas Emega.
 

Imaxes relacionadas