O cociñeiro Héctor López amosa na Aula Gastronómica Galicia Calidade celebrada no IES Vilamarín os segredos dunha cociña familiar innovadora

Máis de 20 de alumnos e alumnas deste centro ourensán participaron na ‘masterclass’ organizada pola Xunta

O xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, salientou a excelencia dos máis de 600 produtos avalados pola marca galega que se pretenden achegar ás futuras xeracións de cociñeiros de Galicia

Ourense, 20 de maio de 2021

O cociñeiro e propietario do Restaurante España en Lugo, Héctor López, foi o encargado de impartir esta mañá a Aula Gastronómica Galicia Calidade no IES de Vilamarín de Ourense. No decurso da acción formativa, puxo en valor os produtos avalados pola marca galega destacando “a súa excelencia, singularidade e sabor que os converten en únicos en España”.

O xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, destacou que con esta acción a Xunta pretende achegar os máis de 600 produtos certificados por Galicia Calidade ás futuras xeracións de cociñeiros e cociñeiras galegas a través de restauradores que tamén teñen recoñecido o seu prestixio coa nosa marca, como é neste caso, Héctor López, do Restaurante España de Lugo.

A masterclass estivo dirixida a 20 alumnos e alumnas de primeiro curso dos ciclos medio de Cociña e superior de Dirección de Cociña.

Proposta gastronómica

Durante a formación, Héctor López elaborou un menú composto por nigiri de pescada ao allo; humus de fabas de Lourenzá e ovo con carbonara de San Simón. Ademais, tamén cociñou arroz negro, emulsión de chourizo e berberechos; unha pescada de Celeiro, con guisante lágrima ao seu pilpil e, como sobremesa, preparou crema de iogur, vainilla e froitos vermellos.

Concretamente, os produtos de Galicia Calidade utilizados nesta ocasión foron pescada do Porto de Celeiro, fabas de Terras da Mariña, ovos campeiros de Granja Campomayor, queixo San Simón de Daniberto, touciño curado Torre de Núñez, chourizos de Jamones González; berberechos de Noia de Luís Escurís Batalla; iogur natural de Larsa e nata de Feiraco.

Héctor López rexenta xunto ao seu irmá Francisco López o Restaurante España que conta con dous soles na Guía Repsol, a marca Galicia Calidade e a Q de Calidade Turística. Tamén forma parte do Grupo Nove.

O cociñeiro lucense, no seu compromiso cos produtos autóctonos, posúe tamén unha granxa na que cría bois a base dunha alimentación totalmente natural, o que lle permite obter un produto de calidade superior.

Imaxes relacionadas