A Xunta inicia as obras de mellora da seguridade viaria na estrada autonómica OU-105 no entorno do tanatorio de Ourense, en Seixalbo

A actuación conta cun investimento autonómico de case 950.000 euros e cun prazo de execución de 8 meses, polo que o obxectivo é poder rematala a finais de ano

Complétase a reforma integral da estrada nun treito de 350 metros, reordenando a sección da vía para optimizar a circulación dos peóns e do tráfico rodado

A intervención inclúe unha nova glorieta para o acceso á rúa Canizo e a mellora do acceso ao tanatorio, con carril central de espera para favorecer os xiros á esquerda
 

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou as obras de mellora da seguridade viaria na estrada autonómica OU-105 en Seixalbo, na contorna do tanatorio, no concello de Ourense.

A intervención conta cun investimento de preto de 950.000 euros e cun prazo de execución de 8 meses, e o obxectivo é poder tela rematada a finais deste mesmo ano.

Esta nova actuación do departamento que dirixe Ethel Vázquez ten por obxectivo completar a reforma integral da OU-105, en Seixalbo, con novos traballos que implican a reordenación da sección transversal da estrada para optimizar a circulación dos peóns e do tráfico rodado, actuando nun treito de 350 metros.

Executarase unha nova glorieta de 36 metros de diámetro para o acceso á rúa Canizo e tamén se mellorará o acceso ao tanatorio por esa mesma rúa, con carril central de espera para favorecer os xiros á esquerda. Ademais, a rúa Canizo deixarase de sentido único desde o seu inicio ata o tanatorio, e de dobre sentido desde o acceso ao tanatorio á nova glorieta.

Tamén se optimizará a mobilidade na entrada e saída da rúa Canizo, dispoñendo unha senda na marxe dereita desta rúa ata a súa conexión coa estrada autonómica, habilitando beirarrúas e adaptando os pasos de peóns para que sexan accesibles.

Acometerase un paso de peóns con iluminación específica e regulación semafórica para dar continuidade aos percorridos peonís e poder acceder á parada de autobús en dirección a Ourense, ademais de dúas paradas de autobús asociadas aos pasos de peóns.

Os traballos completaranse coa mellora dos firmes e pavimentos, xunto co alumeado, saneamento e drenaxe, sinalización e balizamento en todo o treito da actuación.

Esta actuación súmase á intervención xa realizada en 2019 nun treito de 1,5 quilómetros, entre a zona do tanatorio e O Cumial, na que se executou unha nova glorieta no acceso principal a Seixalbo e se eliminou o terceiro carril para calmar o tráfico.

Tamén se melloraron os pasos de peóns e instaláronse novas marquesiñas para as paradas de bus. Actuouse nas beirarrúas e habilitáronse sendas en ambas as marxes, no teito final, incidindo na traza do Camiño de Santiago.

Estas dúas actuacións, cun investimento autonómico conxunto de 1,8 millóns de euros, contribúen ao reforzo da seguridade viaria e á mellora da mobilidade nesta área de Seixalbo.
 

Imaxes relacionadas