O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou as Xornadas de Sensibilización en Centros Educativos, postas en marcha pola Fundación Abrente

A Xunta destina 49.400 euros á posta en marcha dun programa que promove o acceso ao deporte para as persoas con discapacidade

O obxectivo principal deste proxecto é mellorar a accesibilidade aos servizos e programas deportivos para axudar a desenvolver a psicomotricidade e a sociabilidade

Ferrol (A Coruña), 20 de maio de 2021

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou o centro educativo CEIP Plurilingüe A Laxe con motivo da celebración da Xornada de Sensibilización en Centros Educativos da Fundación Abrente. A Xunta de Galicia destinou 49.400 euros a este innovador programa, que, entre outras cuestións, desenvolve produtos deportivos adaptados para persoas con discapacidade.

A actividade celebrada hoxe márcase tres obxectivos claves: o principal é fomentar a iniciación e o acceso ao deporte das persoas con discapacidade, así como investigar e desenvolver tecnoloxías de baixo coste para a busca de solucións adaptadas que faciliten o acceso a estas disciplinas. E, por outra banda, medir o grao de accesibilidade dos parques infantís da Coruña, para poder melloralos e que as familias podan permitirse levar aos seus nenos a estes lugares recreativos para fortalecer o desenvolvemento psicomotriz e a inclusión dos menores con discapacidade.

Mural e exhibicións deportivas
Entre as iniciativas incluídas nas xornadas se atopa a mostra dunha pintura mural sobre a lingua de signos nunha das paredes do centro educativo. Outras das propostas educativas consistiu nunha exposición de materiais deportivos adaptados e unha demostración levada a cabo por deportistas con diversidade funcional para os alumnos do centro con Handbike (bicicleta adaptada), cadeiras de atletismo e Joalette.

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade subliñou a importancia deste tipo de programas que achegan o exercicio físico ás persoas con discapacidade, xa que esta práctica supón grandes melloras no desenvolvemento motriz e social.

Neste senso valorou o esforzo levado a cabo por estas entidades que, a pesar das dificultades non cesan no seu interese de propor novas iniciativas co fin de facilitar a vida destas persoas e traballar polo seu benestar.

Imaxes relacionadas