Os conselleiros de Educación e Sanidade participaron na reunión conxunta da Conferencia Sectorial de Educación e o Consello Interterritorial de Sanidade

Galicia aposta por un protocolo de transición cunha visión integral para recuperar progresivamente a normalidade no ensino

A Xunta avanza que tomará todas as medidas que sexan necesarias para garantir a seguridade sanitaria nos centros educativos

Reclama ao Goberno Central que concrete se vai haber fondos específicos para soster o esforzo orzamentario realizado polas comunidades autónomas

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2021

Os conselleiros de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e de Sanidade, Julio García Comesaña, participaron esta tarde na reunión conxunta da Conferencia Sectorial de Educación e o Consello Interterritorial de Sanidade para abordar as medidas de prevención, hixiene e promoción da saúde fronte á covid-19 para o próximo curso 2021-2022. Na reunión o titular de Educación apostou por un “protocolo de transición orientado a recuperar unha progresiva normalidade” no ensino con medidas consensuadas e que permita manter as máximas garantías de seguridade sanitaria nos centros educativos.

Este protocolo, avogou, precisa unha visión integral con medidas en todos os sentidos e co que avanzar cara á normalidade, dado que é a senda que está a seguir a sociedade en xeral e pola que debe transitar tamén o sistema educativo como parte da mesma.

O conselleiro valorou positivamente este encontro para comezar a planificación do próximo curso escolar, a catro meses vista, tal e como se solicitou hai varias semanas ás ministras de Educación e Sanidade. Así mesmo, e ao igual que outras comunidades autónomas, reclamou ao Goberno Central coñecer se vai haber un fondo específico covid, toda vez que o Ministerio está a pedir que se manteña o esforzo económico realizado este curso. Ao respecto, demandou tamén concreción sobre o destino de fondos europeos que o Goberno central quere destinar a recursos humanos.

Cómpre lembrar que Galicia tivo que facer fronte a un gasto extraordinario de 162M€ neste curso no ensino derivado das necesidades e medidas contra a covid-19.

A Xunta de Galicia, explicou, tomará todas as medidas que sexan necesarias o vindeiro curso para garantir a seguridade sanitaria nas aulas e a presencialidade o vindeiro curso, tal e como se fixo no actual, que se desenvolveu dun xeito satisfactorio. Isto ocorreu grazas á resposta axeitada por parte da Administración, con accións en diferentes eidos adaptadas ás necesidades concretas e, por suposto, á exemplaridade de toda a comunidade educativa, cuxo comportamento fixo dos centros lugares seguros sen transmisión interna.

O conselleiro sinalou que, xunto coa seguridade sanitaria, o principal obxectivo da Xunta é blindar o sistema educativo galego como un referente de equidade e calidade.

Imaxes relacionadas