Alfonso Rueda resalta en Fitur o papel dos guías turísticos como embaixadores de Galicia como destino seguro e de calidade neste Xacobeo 21-22

O vicepresidente primeiro da Xunta interviu no acto organizado pola Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia en Fitur, onde destacou o apoio da Xunta ao colectivo para fomentar produtos turísticos vinculados ao Camiño de Santiago e ao Ano Santo

Madrid, 19 de maio de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda destacou no acto Deixáte guiar nos Camiños organizado pola Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia (Apit Galicia) en Fitur o importante papel que este colectivo ten encomendado neste Xacobeo para relanzar Galicia como cun destino seguro cun turismo de calidade. Por iso, considera que son unha garantía de calidade porque en moitas ocasións son o primeiro contacto dos viaxeiros con Galicia.

Co obxectivo de reactivar este sector e fomentar os produtos turísticos vinculados ao Camiño de Santiago e ao Xacobeo, a Xunta investiu 170.000 euros nun convenio de colaboración con este colectivo que inclúe medidas como financiamento de ata o 50% do custo de visitas guiadas en localidades das distintas rutas xacobeas; un concurso de ideas para crear novos produtos turísticos nestes concellos con alternativas aos peregrinos; ou a posta en marcha dunha ferramenta informática denominada “Descubre os Camiños” que agrupe tódalas actividades levadas a cabo polos guías turísticos nestes municipios.

O acordo tamén conta con iniciativas dirixidas a mellorar a profesionalización dos guías turísticos, incrementando a súa capacitación e competitividade a través da formación en áreas como as novas tecnoloxías ou o turismo sostible. Esta formación súmase á que xa recibiron durante á pandemia en materia de seguridade sanitaria, ademais da colaboración para crear novos produtos no escenario postcovid-19.

A axuda aos guías turísticos tamén está presente no Plan de choque para o sector turístico, e que conta con axudas directas de 3,6 millóns de euros a axencias de viaxes e touroperadores, así como medidas de fomento do consumo a través da renovación dos programas Elixe Galicia e a Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia, que permitirán entre ambas inxectar máis de 10 millóns de euros ao turismo galego.

O Plan contempla ademais 1,4 millóns para o seguro coronavirus que a Xunta vén de adxudicar e se porá en marcha en menos de tres semanas co obxectivo de ofrecer un plus de tranquilidade e recuperar a confianza de turistas e peregrinos ao cubrir os seus gastos ante un caso de infección por covid-19 ou corentenas.