O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou na reunión telemática de urxencia que abordou esta cuestión

Galicia ofrécese a colaborar na acollida de menores chegados a Ceuta

O Ministerio trasladará un documento técnico ás comunidades cunha proposta de reparto de prazas

A Administración autonómica xa está a colaborar no acollemento de menores non acompañados chegados a Canarias

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2021

O Goberno galego ofreceuse a colaborar na medida das súas posibilidades na acollida de nenas, nenos e adolescentes migrantes non acompañados chegados á Cidade Autónoma de Ceuta. O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou esta tarde na reunión telemática de urxencia convocada polo Ministerio de Derechos Sociales y Agenda 2030 para tratar esta cuestión.

Jacobo Rey trasladou o apoio e solidariedade do Goberno galego a Ceuta polos momentos difíciles que se están a producir na fronteira con Marrocos. Nesta liña, amosou a disposición da Administración autonómica para axudar dentro das posibilidades nesta situación extraordinaria como xa fixo no proceso de acollemento de menores non acompañados chegados a Canarias.

O Ministerio comprometeuse a trasladar ás comunidades un documento técnico coa proposta de reparto de prazas que lle corresponderían a cada Comunidade Autónoma. O director xeral sinalou que a Xunta analizará agora este documento e fará as achegas que considere oportunas para tratar de axudar na medida do posible.